Ir o contido principal

Aberta ata o 30 de xuño a inscrición na I Xornada da Mocidade Investigadora en Acuicultura, que se celebrará en Veterinaria

Cartaz da xornada
Cartaz da xornada
Os investigadores predoutorais que traballen en temas de acuicultura presentarán os resultados das súas investigacións no foro que se desenvolverá o 29 de novembro

A rede de Inmunoxenómica de enfermidades de peixes e moluscos (Inmunogemon), formada por investigadores da Universidade de Santiago de Compostela e do Centro de Investigacións Mariñas de Corón, promove a organización da I Xornada da Mocidade Investigadora en Acuicultura, un foro que se desenvolverá o 29 de novembro de 2018 na Facultade de Veterinaria do Campus Terra da USC, pero cuxo prazo de inscrición e presentación de traballos remata o vindeiro 30 de xuño.

O obxectivo desta xornada pasa por favorecer a reunión de investigadores predoutorais que traballen en temas relacionados coa acuicultura, co fin de que aproveiten este encontro para presentar e discutir os resultados das súa investigacións neste campo

As persoas interesadas en participar neste foro de novos investigadores no eido da acuicultura poden xa formalizar a súa inscrición na web da xornada. O custe da matrícula é de 20 euros e inclúe manutención. Cada persoa inscrita só poderá presentar un traballo de investigación a debate. Os organizadores deste foro agasallarán con diversos premios aos autores da mellor presentacións e do mellor póster científico. Pódese obter máis información ao respecto deste foro na páxina web das xornadas ou tamén a través dos enderezos de correo electrónico jesus.lamas [at] usc.es (jesus[dot]lamas[at]usc[dot]es); roberto.bermudez [at] usc.es (roberto[dot]bermudez[at]usc[dot]es) e yolandatorres.corral [at] usc.es (yolandatorres[dot]corral[at]usc[dot]es).

Os contidos desta páxina actualizáronse o 28.05.2018.