Ir o contido principal

Aberta a convocatoria dun concurso de deseño de logotipos da Facultade de Veterinaria de Lugo

Fachada principal da Facultade de Veterinaria do campus de Lugo
Fachada principal da Facultade de Veterinaria do campus de Lugo
O certame está aberto á participación de todas as persoas interesadas e o prazo de presentación das propostas está aberto ata o 18 de marzo

A Facultade de Veterinaria do campus de Lugo da USC vén de lanzar a convocatoria dun concurso de deseño de logotipos para o centro universitario, a fin de reforzar así a imaxe da facultade e acadar maior visibilidade a través do emprego dun elemento simbólico identificativo.

Este concurso de logotipos da Facultade de Veterinaria está patrocinado pola empresa Her-Vei SL e contempla un premio único de 200 euros para o gañador. A convocatoria está aberta á participación de todas as persoas interesadas. O prazo de presentación de propostas remata o 18 de marzo e os participantes, que poden concorrer cun máximo de dous deseños orixinais, deberán entregalos en sobre pechado na conserxería do centro universitario lugués. As bases deste concurso están accesibles na web do centro universitario lugués, onde tamén se publicará a resolución do mesmo. O xurado encargado de fallar este concurso estará formado polo decano da Facultade de Veterinaria, o vicerreitor de Desenvolvemento Científico e Tecnolóxico do Campus de Lugo, a presidenta do Ilustre Colexio Oficial de Veterinarios de Lugo, a coordinadora do grao en Veterinaria e a coordinadora do máster Universitario en Medicina e Sanidade Veterinaria. A decisión do xurado, que pode declarar deserto o concurso, deberá ser ratificada posteriormente nunha votación en Xunta de Facultade.

O uso do logotipo gañador e/ou das súas posibles adaptacións será exclusivo da Facultade de Veterinaria de Lugo, en cuxas instalacións tamén se exporán todas as candidaturas presentadas a este certame.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 03.02.2016.