Aberta a convocatoria do concurso de ideas para o deseño do cartel da campaña de matrícula na USC do curso 2011-2012
A USC busca entre o estudantado universitario, o de ensino medio e o de Formación Profesional ideas para o deseño do cartel da campaña de matrícula do vindeiro curso académico 2011-2012. Así, a Universidade compostelá acaba de convocar un concurso dotado cun primeiro premio de 1.000 euros, podendo establecer un accésit por valor doutros 600 euros. A idea gañadora converterase na imaxe que se utilizará no deseño de material de difusión e promoción dos estudos da USC, tales como carteis, folletos ou páxinas web, entre outros. Cada concursante poderá presentar ata dúas propostas que deberán ser inéditas. Ademais, os creadores dos carteis que se presenten ao concurso deberán ser responsables da orixe da obra e, se esta estivera inspirada nun traballo alleo ou utilizase motivos non orixinais, deberán contar coa autorización do creador destes últimos. Encargarase de avaliar as propostas presentadas un xurado integrado polo reitor da USC, a vicerreitora de Estudos de Grao e Posgrao, o director do Gabinete de Comunicación, a directora da Oficina de Información Universitaria, o decano da Facultade de Ciencias da Comunicación e o coordinador do Programa ‘A Ponte entre o Ensino Medio e a USC’. O xurado, tal e como recolle a convocatoria do concurso, adoptará as súas decisións con total independencia e en base aos criterios de valoración que determinen. Ademais da calidade e valor artístico, valorarase positivamente que as propostas se adapten aos diferentes espazos e formatos que se empregarán na campaña de matrícula (web, carteleira ou papelería).
As propostas poderanse enviar á Oficina de Información Universitaria (Pavillón Estudantil, 2º andar, Campus Sur, 15706 Santiago) ata o próximo 22 de febreiro. Cada deseño presentarase nun sobre en soporte dixital ou en papel, acompañados dunha ficha na que figure os datos de identificación e contacto co autor, curso e centro onde está realizando os estudos, fotocopia do DNI, breve explicación do deseño proposto e o lema da campaña.