Ir o contido principal

Aberta a convocatoria da sétima edición de Somos a curta!, orientada agora ao cinema do real

Aberta a convocatoria da sétima edición de Somos a curta!, orientada agora ao cinema do real
Aberta a convocatoria da sétima edición de Somos a curta!, orientada agora ao cinema do real

Logo de seis convocatorias premiando o humor en galego, a Comisión de Normalización Lingüística de Ciencias da Comunicación decidiu darlle un xiro á orientación do certame Somos a curta! e enfocalo cara ao cinema do real, sempre coa intención de promover o noso idioma no audiovisual, un eido clave para a sociedade.

Deste xeito, as curtas que se presenten ao concurso non pode sobardar os 10 minutos e serán rodadas en galego, como ata agora, mais desta volta xirarán tematicamente arredor da propia realidade social galega. Pode participar o alumnado das tres universidades galegas e o estudantado do bacharelato artístico e das diferentes escolas de Imaxe e Son de Galicia. O prazo para presentaren as súas pezas audiovisuais está aberto ata o día 11 de outubro.

O VII Somos a curta! da Facultade de Ciencias da Comunicación, organizado en colaboración co Servizo de Normalización Lingüística da USC, está dotado con dous galardóns de 500 e 250 euros, respectivamente, para os dous proxectos mellor valorados polo xurado. Ademais, tamén se fará entrega dun premio á curta que acade unha maior acollida entre o público asistente á gala que terá lugar o mércores 31 de outubro ás 20:00 h no Salón de Actos do centro, na cal se visualizarán as curtas presentadas.

Tanto dende a web da USC como no facebook da CNL de Ciencias da Comunicación pódese acceder á información sobre as edicións anteriores e visualizar as curtas gañadoras en pasadas edicións, dedicadas ao humor: Longa noite de verga (2011), Chapeau, Por Couso, Familia (2012), Santiago de Compostela 2014 e Loita de clases (2013), Laranxa e media, Quérote tal e como son (2015), Non é país para mocosos, 1000 maneiras de espichala e Nada peor (2016), Entropía e A conferencia (2017).

Os contidos desta páxina actualizáronse o 09.04.2018.