Aberta a incrición na quinta edición do Curso de Expert* Universitari* en Xestión Cultural impartido pola USC
A USC pecha o domingo 2 de setembro o prazo de pre inscrición na quinta edición do Curso de Expert* Universitari* en Xestión Cultural, unha titulación propia da USC incluída na súa oferta de cursos de posgrao e formación continua e orientado á participación de todas as persoas con interese na práctica cultural. O prazo oficial de matrícula abrirase ao día seguinte.
Dirixido polos profesores da USC na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais Isabel Neira e Gonzalo Rodríguez, e coordinado polos xestores culturais Marcos Lorenzo e Sergio Lago, o Curso de Expert* Universitari* en Xestión Cultural mantén aberta a pre inscrición na web. As prazas neste curso son limitadas.
Este programa formativo propio da USC está estruturado en corenta sesións, que se desenvolverán entre os meses de outubro e maio na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais de Santiago. As clases serán en quenda de tarde todos os mércores lectivos e un xoves ao mes. As aulas, impartidas por profesionais en activo de referencia no ámbito da xestión cultural ibérica, teñen unha base teórica e unha orientación eminentemente práctica, que se complementan coa elaboración, a nivel académico, dun proxecto cultural durante o curso e a realización voluntaria de prácticas en empresas e entidades do sector.
Como en anteriores edicións, o Curso de Expert* Universitari* en Xestión Cultural da USC achegará o seu alumnado á creación do proxecto cultural profesional desde unha perspectiva social (traballo de diagnose, xestión de públicos, dinámicas participativas,...) así como ao ámbito empresarial da cultura (fórmulas de cooperación e financiamento, sectores público e privado, lexislación,...) e á comunicación e tecnoloxías emerxentes, entre outros aspectos.
Profesionais de referencia no ámbito cultural
O curso conta cun corpo docente xa consolidado, con profesionais referentes no sector, como o dinamizador cultural Alberto García, a experta en participación social Ana Lorenzo, Miguel Martín, ex-director de AGADIC e actual xefe de Promoción Cultural no Concello da Coruña, Paulo Rodríguez, director do Teatro Rosalía de Castro, Beatriz Fontán, experta en marketing cultural, Pela del Álamo, director do festival de cinema Curtocircuíto, e Xulio Cordeiro, responsable de produción de eventos da Cidade da Cultura.
A este elenco de formadores cómpre sumar outros referentes no eido da xestión cultural e que tamén son habituais neste programa formativo, tal e como é o caso de Cristina Farinha, Jaume Colomer, Pau Rausell, Roberto Gómez de la Iglesia ou Araceli Corbo. O xestor e investigador cultural Santi Eraso, a directora de Matadero-Madrid, Rosa Ferré; a responsable de Promoción Económica de Cersia-Empresa, Carme Casado, e a avogada e crítica cultural Ania González, ademais da directora do festival de narración oral Atlántica, Soledad Felloza, así como Marián Fernández, socia da cooperativa galega O Cable Inglés, tamén intervirán como relatores na quinta edición do Curso de Expert* Universitari* e Xestión Cultural da USC.