Aberta a inscrición nos cursos de verán do CLM

O Centro de Linguas Modernas (CLM) da USC publicou a súa oferta de Cursos de Verán para os meses de xuño e xullo. Iniciación ao francés, inglés avanzado, sesións de conversa nos niveis intermedio e avanzado de inglés, tanto en modalidade presencial como en liña; galego para non galegofalantes a través de sesións de conversa de nivel avanzado; así como o seminario de checo no contexto universitario, todos eles en modalidade presencial ou en liña, integran a programación do Campus de Santiago. No campus de Lugo, ofértase o curso de francés por destrezas, expresión escrita e oral, de cara á preparación ao Diploma de estudos en lingua francesa (DELF). O procedemento e os distintos períodos de matrícula poden consultarse nesta ligazón.
A causa da pandemia da COVID19, e por primeira vez en máis de trinta anos, a edición 2020 dos Cursos de Verán do CLM tivo que ser suspendida. Con este precedente e baixo a perspectiva de que a evolución da situación sanitaria o permita, convócase esta edición dirixida tanto ao alumnado, PAS e PDI da USC como ás persoas externas á Universidade a partir de 16 anos cumpridos en 2021 ou antes, especialmente alumnado de bacharelato, profesionais e todas as persoas con interese en ampliar a súa formación en linguas estranxeiras ou cooficiais.
Contidos dos cursos
Nos cursos de niveis superiores ao nivel inicial admitiranse só persoas que teñan coñecementos previos destas linguas, que serán comprobados no test de nivel do CLM, para que os grupos sexan homoxéneos.
En todos os cursos máis que contidos gramaticais, preténdese ofrecer técnicas e práctica de destrezas, estratexias de comunicación, así como contidos específicos e funcionais útiles nas estadías profesionais e privadas no estranxeiro, así como a práctica da destreza de expresión oral no marco dos exames oficiais.