Aberta a inscrición no Máster propio en Enxeñaría da Madeira Estrutural, o único en España con esta formación específica

O 31 de maio remata o prazo para preinscribirse no Máster en Enxeñaría da Madeira Estrutural que se desenvolverá na Escola Politécnica Superior de Lugo entre o 9 de setembro deste ano e o 12 de maio de 2012. Trátase do único posgrao en España que oferta esta formación específica e especializada. O máster, de carácter semipresencial e estruturado en catorce módulos cun total de 500 horas, está dirixido a titulados universitarios de segundo ciclo de carreiras técnicas ou de primeiro ciclo con cálculo de estruturas no seu plan de estudos que desexen adquirir coñecementos nos aspectos de cálculo e deseño de estruturas de madeira para edificación tanto arquitectónica como rural e para proxectos de obra civil. A edición deste ano conta coa colaboración da Asociación Austríaca para a Promoción da Madeira (Proholz–Austria) e inclúe a realización de conferencias en distintas localidades españolas. Os contidos do posgrao abarcan dende materiais, durabilidade ou produtos da madeira ata deseño de estruturas. Ademais, contémplase a elaboración e execución de proxectos, visitas a empresas e entidades do sector e seminarios avanzados de construción con madeira. Por último, establécese o premio Pemade ao mellor proxecto fin de máster. Os detalles do posgrao explicáronos este mércores na EPS o vicerreitor de Coordinación e Planificación do Campus de Lugo, Pedro García Herradón; o director do Máster, Manuel Guaita Fernández; o director da EPS, Javier Bueno; e o xerente do Clúster da Madeira de Galicia, quen ofreceu unha charla sobre os retos e oportunidades do sector da madeira. Ao remate do acto os asistentes foron coñecer o Laboratorio de Enxeñaría de Estruturas da Plataforma de Enxeñaría da Madeira Estrutural da USC (Pemade). Plataforma tecnolóxica O posgrao enmárcase nas actividades formativas da Plataforma Tecnolóxica de Enxeñería da Madeira Estrutural ( Pemade ) da USC, unha estrutura investigadora creada a finais de 2008 coa fin de apoiar as iniciativas empresariais e aos organismos públicos implicados no desenvolvemento, utilización e normalización da madeira como material de construción. Con sede na EPS, o seu responsable científico é o catedrático do Departamento de Enxeñería Agroforestal da EPS Manuel Guaita Fernández, membro do Grupo de Investigación Unidade de Xestión Forestal Sostible da USC. Guaita é ademais vicepresidente segundo da Sociedade Española de Agroenxeñería e membro do Consello Asesor de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia nomeado pola Consellaría de Innovación e Industria. Laboratorio de Ensaios e a súa singularidade en España Pemade conta cunha infraestrutura para ensaios mecánicos que permite experimentar con grandes estruturas de xeito que se converte nun equipamento único en España con estas capacidades. Na actualidade, a plataforma está realizando a caracterización mecánica destrutiva do castiñeiro (Castanea spp) en España, unha madeira moi importante en Galicia pero que aínda non está incorporada á Norma Europea 1912 nin ao Código Técnico da Edificación. A plataforma colabora tamén cos centros tecnolóxicos CIS MADEIRA e CETEMAS nas súas necesidades de ensaio mecánico e con empresas de control de calidade da madeira na recepción das obras. Realiza ademais informes de rehabilitación, proxectos singulares de pontes e estruturas, paxinas web de cálculo de estruturas para empresas e avaliación de propiedades físico-mecánicas da madeira seguindo os parámetros da normativa europea internacional. Por outra banda, froito de proxectos de investigación do Plan Nacional de I+D+i Pemade desenvolve nas súas instalacións investigacións sobre o comportamento de unións en estruturas de madeira e a súa simulación por métodos numéricos facendo propostas de optimización destas estruturas.


