Ir o contido principal

Aberta a inscrición no proxecto Empréga-T que traballará as habilidades brandas do estudantado da USC de cara á procura de emprego

Aberta a inscrición no proxecto Empréga-T que traballará as habilidades brandas do estudantado da USC de cara á procura de emprego
Aberta a inscrición no proxecto Empréga-T que traballará as habilidades brandas do estudantado da USC de cara á procura de emprego
O estudantado que o solicite poderá acadar un crédito ECTS

O martes 11 arranca o proxecto ‘Emprega-T: as 8 T’s do talento’ na USC, concibido como un programa que traballará as habilidades brandas do seu estudantado de cara a facilitarlle a súa entrada ao eido profesional. O prazo de inscrición xa está aberto en www.empregate.usc.es, onde se poderá escoller o horario que mellor se adapte ás necesidades do alumnado, ben pola mañá na Facultade de Económicas ou ben pola tarde en Relacións Laborais.

Tras varias actividades desenvolvidas pola Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais nos últimos anos enfocadas a mellorar as competencias profesionais do estudantado, nesta ocasión co financiamento do Consello Social o proxecto celebrarase tanto no Campus Norte como no Vida para favorecer a participación de todo o alumnado da USC de Santiago. Outra novidade desta edición é que se conta co recoñecemento académico de 1 crédito ECTS para o alumnado de grao da USC que asista ao 80% das horas.

Charla de inicio e programa
A xornada do martes inclúe a charla, de entrada libre previa inscrición, 'Situación actual do mercado laboral e perspectivas de futuro: a importancia das competencias para o desenvolvemento profesional’ –ás 12.00 horas no Campus Norte e ás 16.00 no Campus Vida–, ademais de darse a coñecer o programa completo dunha iniciativa que rematará o 25 de novembro cunha sesión de networking.

O programa continuará ao longo do mes con obradoiros de comunicación e presentación en público, cómo destacar entre outras candidaturas, autocoñecemento, emprendemento e unha mesa redonda sobre os estudos de posgrao e o seu impacto no mercado laboral.

Xa para os días 8 ao 10 de novembro está previsto un itinerario de adestramento individual para a procura de emprego, que en edicións pasadas gozou de moito éxito entre os participantes.

Empréga-T está liderado pola Vicerreitoría de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social e as Facultades de Ciencias Económicas e Empresariais e Relacións Laborais e conta coa colaboración da Vicerreitoría de Comunicación e Coordinación.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 07.10.2016.