Ir o contido principal

Aberta a inscrición para a ruta de sendeirismo polo caneiro das Pontes e a visita ao mosteiro de Caaveiro

As persoas interesadas nesta expedición, organizada polo máster DAEN e o Servizo de Deportes da USC poden apuntarse ata o mércores

Os responsables do Máster en Dirección de Actividades Educativas da Natureza organizan, en colaboración co Servizo de Deportes da USC no campus de Lugo, unha ruta de sendeirismo polo caneiro das Pontes, un enclave pertencente ao Parque Natural das Fragas do Eume. Esta expedición, que se desenvolverá o vindeiro sábado, día 11 de maio, inclúe tamén unha visita guiada ao mosteiro de Caaveiro, así como á praia habilitada no Lago das Pontes.

As persoas que estean interesadas en formar parte desta expedición deben formalizar a súa reserva de praza antes das 14.00 horas do mércores 8 de maio. A solicitude de inscrición pode facerse ben a través do enderezo de correo electrónico servizodeportes.lugo [at] usc.es (servizodeportes[dot]lugo[at]usc[dot]es) ou ben nos números de teléfono 982.82.35.84 ou 600.94.23.36. O prezo da ruta, que se desenvolverá sempre e cando o número de persoas inscritas supere as 20 persoas, é de 10 euros. O autobús que levará aos excursionistas ata o Parque Natural das Fragas do Eume partirá o sábado 11, ás 9.30 horas, das inmediacións da Facultade de Formación do Profesorado do campus de Lugo, a onde ten previsto o seu regreso cara ás 19.30 horas. A ruta de sendeirismo propiamente dita comezará arredor das 11.00 horas e os/as excursionistas farán un itinerario duns 4 quilómetros pola ribeira da río Eume ata chegar á Fervenza do Caneiro, un enclave do concello de Muras no que hai habilitada unha área recreativa, onde está previsto facer unha pausa para que todos os/as participantes repoñan forzas coa comida.

Logo do xantar, os/as participantes farán unha breve parada na nova praia do Lago das Pontes para, desde alí, dirixirse xa ao mosteiro de Caaveiro, emprazado tamén no Parque Natural das Fragas do Eume, pero xa preto do concello de Cabanas, onde poderán gozar dunha visita guiada do mosteiro.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 06.05.2013.