Ir o contido principal

Aberta a inscrición no ‘Senior Innovation Lab’

Logotipo do ‘Senior Innovation Lab’
Logotipo do ‘Senior Innovation Lab’
Trátase dunha experiencia educativa no ámbito das persoas maiores, orientada ao deseño de novas solucións aos retos e oportunidades dunha sociedade envellecida
Santiago de Compostela

O ‘Senior Innovation Lab’ conforma unha experiencia educativa no ámbito das persoas maiores, orientada ao deseño de novas solucións aos retos e oportunidades dunha sociedade envellecida.  Organizada mediante seminarios e talleres prácticos planificados sobre innovación social, produto mínimo viable, comunicación efectiva e traballo interdisciplinario, esta iniciativa desenvolverase no Centro de Estudos Avanzados do 21 de outubro ao 25 de novembro. O alumnado de grao e mestrado pode formalizar a inscrición nesta ligazón. No caso do estudantado de doutoramento, a solicitude de praza pode realizarse premendo neste hipervínculo. Os e as estudantes de IV ciclo deben mandar un mail a IVciclo [at] usc.es (IVciclo[at]usc[dot]es) O prazo remata o 14 de outubro.

Esta é unha iniciativa do proxecto europeo INVENTHEI, que nesta segunda edición conta coa participación do Servizo de Participación e Integración Universitaria da USC (SEPIU), da Escola de Doutorado Internacional (EDIUS) e do IV Ciclo Universitario, de cara a promover unha experiencia de deseño interxeracional e aberta a toda a comunidade universitaria. Está recoñecida pola EDIUS como formación para o alumnado de doutoramento, e con 2 créditos ECTS para alumnado de grao. Os grupos de deseño interxeracional trallarán con distintas entidades do sector xerontolóxico e social para dar resposta ás súas necesidades. As entidades colaboradoras son AGADEA Alzheimer, ATEGAL, Cruz Roja, DomusVi e ARC Os Tilos.

“O envellecemento da poboación e un fenómeno solidamente constatado, e que alcanza en rexións europeas como Galicia un carácter progresivo e consolidado”, explican dende a organización. “A distribución demográfica por idade supón novas realidades para a empregabilidade e o emprendemento, e tamén novas necesidades de coñecemento nos diferentes eidos científicos e académicos. Arredor do envellecemento da poboación xorden estratexias específicas de innovación e transferencia que buscan ir máis alá dos estereotipos negativos sobre envellecemento patolóxico, dependencia e demencia asociados á idade avanzada”, engaden. Senior Innovation Lab é unha experiencia educativa no ámbito das persoas maiores, consistente nunha serie de seminarios presenciais e traballo en liña, que busca favorecer a adquisición de coñecementos e ferramentas de innovación por parte do alumnado da USC para desenvolver novas solucións aos distintos retos e oportunidades dunha sociedade envellecida.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 10.10.2022.