Ir o contido principal

Aberta a inscrición no sétimo seminario ‘Xornalismo social e cooperación internacional’

Aberta a inscrición no sétimo seminario ‘Xornalismo social e cooperación internacional’
Aberta a inscrición no sétimo seminario ‘Xornalismo social e cooperación internacional’
Desenvolverase na USC do 22 de febreiro ao 3 de maio e dúas das persoas participantes desprazaranse logo a Marrocos para traballar con ONGD

As bases da cooperación e a comunicación para o desenvolvemento, as boas prácticas informativas respecto dos colectivos en risco de exclusión e os discursos alternativos en torno aos países do Sur son algúns dos temas que aborda o programa do sétimo seminario ‘Xornalismo social e cooperación internacional’.

Esta é unha acción formativa a celebrar na Facultade de Ciencias da Comunicación da USC entre o 22 de febreiro e o 3 de maio organizado pola Asociación Galega de Reporteiros Solidarios (Agareso) e a ONG Asemblea de Cooperación pola Paz (ACPP). O curso inclúe unha expedición a Marrocos onde dúas das persoas participantes traballarán con organizacións locais.

Da man de entidades do Terceiro Sector, investigadoras e xornalistas especializados, profundarase no tratamento mediático da inmigración, a comunidade xitana, o xénero, a pobreza ou a discapacidade. Visitaranse asemade proxectos en activo, debaterase sobre a radio comunitaria e exporanse accións educomunicativas, mesmo coa participación de relatoras chegadas de países empobrecidos coma República Dominicana.

Matrícula
As aulas impartiranse os mércores de 16.00 a 20.00 horas. Cunha duración total de 40 horas, a actividade está dirixida tanto a xornalistas como a alumnado de Ciencias da Comunicación. As persoas interesadas poden inscribirse ata o 19 de febreiro en seminario [at] agareso.org (seminario[at]agareso[dot]org).

O obxectivo do Seminario é capacitar xornalistas e futuros xornalistas na comunicación para o cambio social, de xeito que contribúan co seu labor a erradicar prexuízos e favorecer a inclusión. O VII Seminario ‘Xornalismo social e cooperación internacional’ conta co apoio económico da Xunta de Galicia.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 08.02.2017.