Aberta a inscrición para o Voluntariado Universitario Español de Nacións Unidas
Todos aqueles estudantes dispostos a aproveitar unha experiencia persoal irrepetible e unha práctica de traballo dentro do sistema da ONU dispoñen ata o 11 de maio para inscribirse na oitava convocatoria de Voluntariado de Nacións Unidas ante os Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio.
A participación das Universidades neste proxecto faise a través do envío de voluntarios que durante seis meses se incorporarán nun proxecto de voluntariado enfocado cara a algunha das áreas de desenvolvemento nas que se concretan os devanditos obxectivos e que son Tailandia, Filipinas, Camboya, Nepal, Timor Oriental, Brasil, Honduras Nicaragua, Palestina, Jordania, Egipto, Guatemala, Ecuador, Uruguay, Kirguistán, Armenia, Sri Lanka, Cabo Verde e República Dominicana.
No caso da USC, que correrá cos gastos financeiros e administrativos antes da partida dos elixidos e durante a súa estancia no país de destino, os interesados en participar no programa deberanse pór en contacto co Servizo de Participación e Integración Universitaria (Rúa das Casas Reais, 8).
Para poder optar a unha praza é imprescindible ser estudante da USC de derradeiro curso da carreira, ter un nivel alto de inglés e do idioma requirido para cada posto así coma unha gran capacidade de adaptación nun país estranxeiro. Por último, debe ter bos coñecementos técnicos dos especificados no perfil de cada posto.
As actividades a realizar dependen en primeiro lugar da demanda que solicite o país en desenvolvemento. As áreas ás que se lle dará prioridade son as de saúde, educación e medio ambiente e Tecnoloxías de Información e Comunicación. Os voluntarios/as traballan basicamente para contribuír a aumentar ou mellorar a capacidade das persoas ou institucións en países en desenvolvemento, impulsando as súas habilidades, proporcionando servizos directos para apoiar institución e comunidades.