Ir o contido principal

Aberta a inscrición na xornada ‘Submisión química e violencias sexuais’

A III Xornada Interuniversitaria Galega está organizada polas unidades de igualdade das tres universidades galegas
A III Xornada Interuniversitaria Galega está organizada polas unidades de igualdade das tres universidades galegas
A III Xornada Interuniversitaria Galega está organizada polas unidades de igualdade das tres universidades galegas

A III Xornada Interuniversitaria Galega que organizan as unidades de igualdade das tres universidades galegas desenvolverase na mañá do 3 de abril e versará nesta ocasión sobre ‘Submisión química e  violencias sexuais’. A sesión é aberta e en liña vía teams previo rexistro.

O programa dará comezo ás 10.00 horas coa inauguración e continuará coa charla da psicóloga Laura Castells Ricart, técnica de proxectos do Observatorio Noctambul@s sobre as violencias sexuais en contornas de lecer nocturno e consumo de drogas, titulada ‘Relatos mediáticos sobre violencia sexual e uso de drogas: máis aló da submisión química’. A relatora é ademais membro do Proxecto Malva, que traballa para incorporar a perspectiva de xénero na prevención, a atención e os tratamentos de abuso e adicción de substancias e desenvolve labores de investigación sobre a violencia sexual con presenza de drogas (submisión química) e o consumo problemático en mulleres e a súa relación coas violencias.

Os novos centros de crise 24 horas centrarán a intervención de Clara Vilariño López, coordinadora do Centro de Ferrol, e a ela seguiralle o tenente responsable do grupo de Trata da Unidade Central Operativa da Garda Civil Félix Durán Garrido, que falará da vulnerabilidade da vítima.

A xornada pecharase coa charla ‘Evolución das violencias sexuais nas tecnoloxías: o caso do sugardating e OnlyFans, a cargo de Natalia Colmenar Calvo, coordinadora de sensibilización e prevención de DIACONÍA ESPAÑA e especialista na loita contra a trata de persoas con ampla experiencia en campañas de sensibilización, formación de profesionais e desenvolvemento de alianzas estratéxicas. Cunha traxectoria en organismos como Nacións Unidas e o Organismo Internacional de Xuventude para Iberoamérica, traballou en dereitos humanos, incidencia política e consultoría de igualdade. O seu enfoque innovador integra o uso de novas tecnoloxías para a identificación e prevención da trata.

Cartel da xornada
Cartel da xornada
Os contidos desta páxina actualizáronse o 26.03.2025.