Ir o contido principal

Aberta a inscrición nas xornadas de inicio de curso #BenVidaUSC que terán lugar do 16 ao 26 de setembro en Lugo e Compostela

Imaxe de arquivo das xornadas #BenVidaUSC. FOTO: Santi Alvite
Imaxe de arquivo das xornadas #BenVidaUSC. FOTO: Santi Alvite
Os concertos que The Rapants ofrecerán o mércores 25 na explanada da EPSE do Campus de Lugo e o xoves 26 na Praza de Mazarelos de Santiago integran un amplo programa ateigado de actividades culturais e deportivas gratuítas
Lugo, Santiago de Compostela

As xornadas de inicio de curso #BenVidaUSC desenvolveranse nos campus de Lugo e de Santiago do 16 ao 26 de setembro. Concertos, aulas abertas de múltiples temáticas culturais e deportivas, visitas guiadas por diversos espazos universitarios, sesións nas que compartir un café mentres aprendes novos idiomas, obradoiros, torneos, feiras de emprego ou presentacións para coñecer de primeira man os servizos da Universidade integran a nova edición deste programa que xa ten aberto o seu formulario de inscrición para aquelas actividades que teñan límite de prazas. 

Entre os múltiples eventos ofertados, atópanse dous concertos do grupo The Rapants que terán lugar o mércores 25 na explanada da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría (EPSE) do Campus de Lugo (en caso de choiva, o concerto trasladaríase ao Auditorio de Veterinaria) e o xoves 26 na Praza de Mazarelos de Compostela. Neste último caso, o evento conta tamén coa actuación de Funk à Feira. Tanto en Lugo como en Santiago, os concertos terán lugar a partir das 20.30 horas. O programa de #BenVidaUSC diríxese ao conxunto da comunidade universitaria coa excepción dos concertos, cuxo acceso será libre e de balde ata completar a capacidade dos espazos. 

“Queremos que o estudantado coñeza todo o que a Universidade lle ofrece máis alá das aulas”, subliña a vicerreitora de Estudantes e Cultura, Pilar Murias, quen se amosa moi satisfeita coa boa acollida de #BenVidaUSC nos dous cursos anteriores. “As xornadas #BenVidaUSC constitúen unha iniciativa que busca poñer en valor as potencialidades reais dos servizos que presta a USC á comunidade universitaria”, engade.

#BenVidaUSC chega á súa terceira edición coa vontade de que a comunidade universitaria coñeza de primeira man todo o que a USC ofrece máis alá da formación específica de cada titulación. Trátase de actividades cun contido máis lúdico pero de carácter transversal que tamén son chave na formación de cada estudante. A filosofía do programa de actividades deseñado pola USC pasa por dar a coñecer ao estudantado as diferentes alternativas que, como complemento á súa formación, lles ofrece tanto a propia institución académica como as cidades de Lugo e Santiago. 
 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 10.09.2024.