Aberta a matrícula no obradoiro de linguaxe e redacción xurídica en galego
Ata o día 15 de novembro e de xeito gratuíto o alumnado de Dereito poderá matricularse no Obradoiro de linguaxe e redacción xurídica en galego, que pretende darlles formación específica verbo do seu tecnolecto en galego, ligándoa cos procesos de modernización e democratización.
Familiarizarse coas peculiaridades morfolóxicas e sintácticas do galego xurídico, dominar a terminoloxía básica do dereito en galego, profundar no proceso de modernización estilística da linguaxe xurídica ou coñecer criterios da aplicación de recursos ortotipográficos son algúns dos obxectivos específicos do curso, que organiza a Comisión de Normalización Lingüística de Dereito.
Recoñecido con 1 crédito ECTS e dunha duración de 20 horas presenciais máis 10 para preparación de actividades e traballos, o obradoiro impartirao na Facultade de Dereito Martín Ramos Ínsua, do Colexio de Avogados de Santiago de Compostela, en sete tardes de novembro e decembro.