Aberta a matrícula no obradoiro de linguaxe e redacción xurídica en galego
O alumnado de Dereito poderá matricularse gratuitamente ata o 6 de marzo no Obradoiro de linguaxe e redacción xurídica en galego. Dirixido pola profesora Antonia Nieto Alonso, o curso persegue que se coñezan as características principais do tecnolecto xurídico en aras de asentar un modelo de linguaxe xurídica galega de calidade e para que non se quebrante o dereito lingüístico dos cidadáns e cidadás. Familiarizarse coas peculiaridades morfolóxicas e sintácticas e coñecer ferramentas de apoio ao uso do galego nese ámbito son outros obxectivos a perseguir con este obradoiro, que ten solicitado un crédito de libre configuración para o estudantado da Licenciatura (que xa fora concedido na súa edición pasada). As aulas impartiraas na Facultade de Dereito Martín Ramos Ínsua, do Colexio de Avogados de Santiago de Compostela, os días 8, 15, 22 e 29 de marzo e 12, 19 e 26 de abril, en horario de 16 a 19 horas. O obradoiro forma parte do programa de actividades de formación dirixidas ao estudantado de Dereito dentro do plan de normalización lingüística do centro ‘ Témoslle lei’, xurdido da necesidade de que os titulados e as tituladas coñezan en igualdade de condicións a súa linguaxe de especialidade tanto en castelán como en galego para poderen cumprir no seu futuro profesional co marco legal na cuestión lingüística.