Ir o contido principal

Aberta a matrícula para participaren nos obradoiros de elaboración de TFG ou TFM

Á hora de elaborar os traballos de fin de grao (TFG) ou de fin de mestrado (TFM) o alumnado enfróntanse a numerosas dúbidas, tanto de contido como formais. Para axudalos neste aspecto contan cos obradoiros que organiza o Servizo de Normalización Lingüística da USC, cos que obterán a máxima calidade formal e en lingua galega.

Co obradoiro mellorarase a redacción ademais de preparar a defensa oral do traballo diante do tribunal, coa axuda de presentacións dixitais. Combinaranse exposicións teóricas e sesións prácticas, e nas horas non presenciais o alumnado deberá revisar o seu traballo de fin de grao ou de fin de mestrado segundo as pautas do curso. Logo haberá unha serie de sesións presenciais de posta en común para comentar as dúbidas, erros e acertos.

O curso –de 30 horas, 23 delas presenciais– está recoñecido con 1 crédito ECTS por competencias transversais (en lingua galega) e un diploma de asistencia por 30 horas. Nel pode participar todo o alumnado matriculado na materia ‘Traballo de Fin de Grao’ ou no TFM, que deberá matricularse a través de Internet na páxina do SNL; ata o 5 de abril para o obradoiro de Santiago e ata o 15 para o de Lugo.

Ao longo do curso as persoas asistentes verán contidos lingüísticos-documentais (redacción, terminoloxía, corrección e revisión, partes do traballo, uso de modelos) e informacionais (busca, selección e inclusión de recursos de información -Refworks-) para a redacción do traballo.

En Santiago desenvolverase na Facultade de Dereito os días 11, 12, 13, 18, 19, 20, 21, 25, 26 de abrilde 16:00 a 18:00 horas. Posteriormente, os días 13 e 14 de xuño terán lugar as sesións de posta en común e avaliación. En Lugo será na Facultade de Administración e Dirección de Empresas os días 25, 26, 27, 28 de abril e 2, 3, 4, 5, 9 de maio á mesma hora, coas sesións últimas de avaliación tamén o 13 e 14 de xuño.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 16.03.2016.