Aberta a preinscrición para a nova edición do Máster de Atención Temperá
Ata o 20 de setembro permanecerá aberto o prazo de inscrición da nova edición do máster e do curso de especialización de Atención Temperá que organiza o Departamento de Psicoloxía Evolutiva e da Educación da USC. O posgrao, que bota a andar en outubro, ofrece unha formación especializada na atención e avaliación de nenos con trastornos no desenvolvemento e enfermidades raras.
Trátase dunha edición renovada do tradicional Máster en Intervención nos Trastornos do Desenvolvemento e Atención Temperá que leva impartíndose na Facultade de Psicoloxía dende hai máis de dúas décadas e que este ano fai un especial fincapé na inclusión social e educativa dos nenos con trastornos no desenvolvemento.
Dirixido pola profesora María José Buceta, o posgrao conta cun equipo multidisciplinar de profesionais cunha acreditada experiencia docente, investigadora e laboral, como o catedrático de Medicina Legal e experto internacional en xenética, Ángel Carracedo; o director do Instituto de Saúde Carlos III, Manuel Posada de la Paz; o director do servizo de Pediatría do CHUS, José María Martinón; o médico especialista en Medicina Física e Rehabilitación do CHUAC, Miguel Alonso Bidegain; o experto en Dereito Penal e Criminoloxía, Santiago Brage; ou o doutor especialista en autismo, epilepsia e neuroloxía infantil Xesús Eirís. Tamén forman parte do cadro docente o presidente da Federación Española de Enfermidades Raras, Juan Carrión Tudela; a directora da Escola Infantil Camilo José Cela do CHUS, Elena Sobrino; o experto en políticas migratorias, o profesor Miguel Santos Rego; Pilar Lirola, que afondará en aspectos relativos aos refuxiados; ou a profesora experta en novos modelos de familia Mar Lorenzo.
Materias interdisciplinares
As materias incidirán en asuntos relacionados coas técnicas de intervención en menores con trastornos físicos ou mentais, aspectos xurídicos para coñecer o papel dos menores no Dereito Civil ou mesmo cos métodos de educación para a morte en oncoloxía infantil e para tratar situacións de acoso escolar ou maltrato infantil e ciberbullyng. Tamén se darán as claves de intervención aplicando terapias alternativas.
O Máster en Atención Temperá -que tamén conta cunha versión de curso de especialización- está destinado a psicólogos, psicopedagogos, pedagogos, médicos, traballadores sociais, logopedas, fisioterapeutas, mestres especializados en audición e linguaxe e en educación infantil, así como enfermeiros.
O alumnado realizará prácticas en centros específicos de atención temperá como a Unidade da USC, no Sergas, concellos, escolas infantís ou centros privados de atención temperá pertencentes á Rede Galega de Atención Temperá.