Ir o contido principal

Aberta a preinscrición no posgrao propio da USC en protocolo

A Universidade de Santiago mantén aberto o prazo de preinscrición no Master en Protocolo e Relacións Institucionais, título propio que dirixe a profesora Esperanza Guede e cuxas clases comezarán o 17 de abril deste ano e finalizarán o 3 de xullo de 2010.
Este posgrao engloba ademais outros dous cursos, un de especialización en protocolo a celebrar entre abril deste ano e o 27 de febreiro do vindeiro e outro de experto universitario en Cerimonial e Organización de Eventos entre o 8 de maio e o 24 de outubro. O primeiro diríxese a licenciados e diplomados e o segundo a todo o persoal interesado, universitario ou non.
Os estudos sobre as características do actual mercado laboral levan tempo constatando a crecente demanda de persoal especializado en protocolo, fundamental para todos os sectores empresariais. Co obxecto de dar resposta a estas necesidades xurde o Máster en Protocolo e Relacións Institucionais, que abranguerá cuestións relacionadas co protocolo oficial, internacional, empresarial, académico e social, entre outros.
O obxectivo esencial do curso é ensinar aos alumnos a organizar todo tipo de acontecementos e aplicar as técnicas polas que se rexen, ofrecendo un amplo abano de coñecementos sobre temas protocolarios e de imaxe, comunicación e relacións sociais.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 06.04.2009.