Ir o contido principal

Aberta a preinscrición na primeira edición do Master en Informática Social e Desenvolvemento Urbano-Rexional

Investigadores sociais e técnicos do Grupo de investigación Sociedade, Tecnoloxías e Territorio (GIS-T) poñen en funcionamento este curso académico a primeira edición do Master en Informática Social e Desenvolvemento Urbano-Rexional da Universidade de Santiago, en colaboración co University College Cork-Irlanda e as Universidades do Porto e Minho en Portugal. A preinscrición neste posgrao rematará o vindeiro 30 de outubro.
A Informática Social pretende establecer as condicións de colaboración científica entre tecnólogos, científicos sociais e creadores das artes e das humanidades, cuxo fin último é buscar o desenvolvemento económico, social e cultural en territorios concretos, poñendo en valor e impulsando os fluxos de comunicación e coñecemento entre o urbano e o rural e entre as rexións periféricas e as centrais.
Este master internacional, que dirixe o profesor da USC Carlos Ferrás e coordina Carlos Macía, ten unha dobre orientación profesional e investigadora. No ámbito profesional pretende formar a técnicos especializados en TIC, Informática Social e Desenvolvemento Urbano-Rexional, cubrindo novos postos de traballo na administración pública e nas comunidades locais como axentes de desenvolvemento social especializados en novas tecnoloxías. Por outra banda, tentarase instruír a investigadores de excelencia especializados en técnicas de investigación cuantitativa e cualitativa.
O alumnado do Master debe ser consciente da importancia que adquiren as TIC na sociedade actual, na que se converten en ferramentas estratéxicas capaces de desenvolver social, cultural e economicamente unha cidade, municipio, rexión, país ou territorio en xeral. Ademais, deberán ter unha predisposición positiva para traballar en grupos multidisciplinares e unha gran capacidade de comunicación para dar a coñecer os avances de investigacións científicas e proxectos laborais.
Portugal e IrlandaOs alumnos do máster terán a posibilidade de realizar a metade do curso en prestixiosas universidades europeas como as portuguesas de Porto e Minho e a irlandesa University College Cork. Ademais, ofrécense dez bolsas de matrícula e prácticas remuneradas para todos os alumnos que decidan realizalo. Algunhas das institucións implicadas no programa de bolsas e emprego son o Centro Internacional de Tecnologías Avanzadas, o Centro de Estudios Euro Rexionais Galicia-Norte de Portugal, o CIEF Caixa Galicia, Uninova, os Concellos de Antas de Ulla, Brión, Lalín, Infobrion.com, Granxafamiliar.com, Cáritas, Feiraco, Grupo de Investigación Sociedade, Tecnoloxía e Territorio, Novos Medios, Sistemas Intelixentes e Análise de Modelización Económica.
Para máis información, pódese visitar a páxina Posgrao Propio da USC, a través do enderezo electrónico master [at] gist-idega.org (master[at]gist-idega[dot]org) ou no teléfono 981 56 31 00 ext. 14440. Tamén podes consultar o polidíptico oficial do curso en formato pdf.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 03.10.2008.