Aberto ata o 15 de decembro o prazo para presentar propostas ao ‘Acelerador de Transferencia’
O programa ‘Acelerador de Transferencia’ da USC inicia unha nova edición á que xa se poden presentar propostas ata o 15 de decembro. O obxectivo do Acelerador consiste en facilitar a transferencia de resultados de investigación xerados polos grupos da USC ao mercado. Promovida pola Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento da USC (AVTE) e financiado polo Banco Santander, esta é unha iniciativa que busca avanzar no proceso de maduración de resultados de investigación, facilitando a súa transferencia á contorna social e económica.
Os proxectos de valorización están encamiñados á maduración de tecnoloxías (en especial protexidas mediante patente) a través de actividades de carácter demostrativo ou pre-competitivo que permitan reducir as incertezas sobre a viabilidade técnica da tecnoloxía. “Un proxecto de valorización debe centrarse en levar a cabo as accións críticas imprescindibles para conseguir a implicación dunha empresa ou outro axente externo no proceso de desenvolvemento da tecnoloxía, e conseguir o seu traslado o mercado”, explican dende a organización do programa.
O Acelerador de Transferencia está aberto aos grupos de investigación de todas as áreas de coñecemento que teñan identificado algún resultado de investigación con potencial de transferencia. Serán susceptibles de recibir o apoio do Acelerador aquelas propostas que identifiquen claramente cal é a fenda existente entre o resultados de investigación e o mercado. Ademais deberán garantir un cambio substancial do estado de desenvolvemento da tecnoloxía proposta e ter o compromiso dunha empresa para que, no caso de que os resultados obtidos neste programa acaden éxito, continúe co proceso de desenvolvemento do produto e/ou comercialización.
Desta convocatoria tamén poderán beneficiarse aqueles proxectos que teñan como obxectivo avanzar no proceso de valorización de xeito que se obteña maior madurez na comprensión da súa potencialidade de transferencia. Así poderanse apoiar propostas para levar a cabo informes de mercado, asesoramento regulatorio ou follas de ruta para o seu desenvolvemento, entre outras, que poidan facilitar a captación de fondos doutras convocatorias de valorización.
Os proxectos contarán dende o primeiro momento co asesoramento do persoal técnico de AVTE e o financiamento poderá chegar ata 40.000 euros por un período de entre tres e nove meses.