Ir o contido principal

Aberto ata o 16 de outubro o prazo para presentar traballos ao certame 'Somos a curta!'

Cartel do certame
Cartel do certame
Esta iniciativa promove o uso da lingua galega como vehículo para a creatividade dos novos valores do audiovisual galego
Santiago de Compostela

A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Ciencias da Comunicación convoca a novena edición do certame 'Somos a curta!'. Esta iniciativa premia as mellores pezas audiovisuais curtas en galego de cinema do real presentadas por calquera alumno/a ou grupo de alumnos/as das universidades galegas, das titulacións impartidas nas escolas oficiais de Imaxe e Son ou da titulación de bacharelato artístico de calquera dos institutos de educación secundaria de Galicia.

Os obxectivos deste certame son promover o uso da lingua galega como vehículo para a creatividade dos novos valores do audiovisual galego; premiar os dotes lingüísticos, técnicos e artísticos dos estudantes galegos; así como promover a análise da realidade galega a través do audiovisual.

Os traballos poden presentarse mediante un sobre dirixido á presidenta da Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, que conterá tres dvd con cadansúa copia da peza e un sobre máis pequeno, pechado, coa folla de datos. O título da peza figurará tanto no exterior do sobre como nos tres dvd. Asemade, poden facerse chegar traballos a través das plataformas Office365 —todo o alumnado da USC dispón dunha conta institucional— e WeTransfer, mediante un correo que comparta a ligazón ao arquivo da peza e coa opción de permitir a edición desactivada, dirixido ao enderezo cc.comunicacion.decanato [at] usc.gal (cc[dot]comunicacion[dot]decanato[at]usc[dot]gal). O prazo para presentar as propostas remata o día 16 de outubro de 2020. Os premios do certame están dotados con 500 e 250 euros e diploma honorífico.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 07.09.2020.