Aberto ata o 20 de maio o prazo para optar aos Premios á introdución da perspectiva de xénero na docencia e na investigación
A USC convoca a XV edición dos Premios á introdución da perspectiva de xénero na docencia e na investigación coa finalidade de fomentar a introdución da perspectiva de xénero na docencia e na investigación. Poderán presentarse á convocatoria ata o 20 de maio traballos que recollan as experiencias de introdución da perspectiva de xénero xa realizadas por membros do persoal docente e investigador da Universidade, considerada esta perspectiva como unha dimensión de calidade e de innovación docente dos centros, institutos e departamentos.
A memoria do traballo debe presentarse en galego, cunha extensión máxima de 25 páxinas. No caso de haber máis dunha persoa responsable da experiencia, débese sinalar o nome dunha única persoa como representante do equipo. Se fora necesario, entregarase material complementario (publicacións, dossier, etc.).
Os premios están financiados polo Concello de Santiago de Compostela e terán dúas modalidades: A-Premios a experiencias docentes que teñan incluído a perspectiva de xénero e B-Premios para investigacións con perspectiva de xénero. Premiarase un máximo de seis experiencias, tres na modalidade A e tres na modalidade B. Poderán tamén facerse mencións honoríficas sen dotación económica. En cada unha das dúas categorías o primeiro premio está dotado con 1.000 euros, o segundo con 750 euros e o terceiro con 500 euros.
Na modalidade A o contido ten que tratar sobre unha experiencia educativa innovadora relativa á inclusión da perspectiva de xénero na docencia, realizada no ámbito da USC nos últimos tres anos. A experiencia terá que incidir na mellora do ensino e da aprendizaxe na universidade (elaboración de materiais, aplicación de novas tecnoloxías, innovacións nas prácticas e nos programas, acción titorial, etc.) e terase en conta que sexa susceptible de ser trasladada a outros contextos de ensino superior. En todo caso, farase unha breve valoración dos beneficios que supuxo a experiencia mediante a achega de datos do alumnado; ficarán excluídas aquelas experiencias feitas ao abeiro de materias que xa incorporan no seu nome e temática a perspectiva de xénero.
No caso da modalidade B premiaranse aqueles traballos de investigación desenvolvidos nos últimos tres anos en calquera ámbito do coñecemento que inclúan a perspectiva de xénero na formulación de hipótese, deseño e proxecto, metodoloxía e implementación da investigación, así como na publicación de resultados obtidos.