Ir o contido principal

Aberto ata o 27 de xuño o prazo para solicitar aloxamento no Servizo Universitario de Residencias

Chegada de estudantes á RU Burgo das Nacións. FOTO: Santi Alvite
Chegada de estudantes á RU Burgo das Nacións. FOTO: Santi Alvite
O número total de prazas que se ofertan nesta convocatoria 2023-2024 ascende a 910
Lugo, Santiago de Compostela

O Servizo Universitario de Residencias (SUR) da USC acaba de abrir ata o 27 de xuño o prazo para solicitar aloxamento de cara ao curso 2023-2024. En total a oferta deste ano está dotada con 910 prazas, cuxos prezos establécense en función da renda persoal dispoñible de acordo co establecido no texto da convocatoria.

Unha vez procesadas as solicitudes, o 21 de xullo publicarase a listaxe provisional de solicitantes admitidos/as a trámite e excluídos/as. Na relación figurará a súa puntuación, a orde de preferencia dos centros marcados na solicitude e, de ser o caso, a causa que motiva a exclusión. As persoas interesadas dispoñen ata o 31 de xullo para emendar a súa solicitude e entregar a documentación requirida, ou que estimen oportuna, para completar a solicitude.

Listaxes definitivas

O 3 de agosto publicaranse as listas definitivas de admitidos/as en cada centro, a lista de agarda e a relación de excluídos/as. A admisión e asignación de centro farase segundo a preferencia do estudantado ordenado por puntuación. As persoas que queden na lista de agarda e desexen seguir optando a unha praza no SUR, teñen de prazo para confirmalo ata o 7 de agosto por medio do formulario que figura na páxina web. De non facelo, entenderase que desisten da súa petición de permanecer na lista de agarda. As estadías poderán estenderse do 7 de setembro de 2023 ao 31 de maio de 2024.

O SUR proporciona aloxamento a alumnado e outros colectivos universitarios a través dunha rede propia de Residencias e Colexios Maiores nos seus campus co obxectivo de permitir unha mellor integración, formación e igualdade de oportunidades no ámbito universitario. Ademais, contribúe ao desenvolvemento e difusión de actividades culturais, científicas, artísticas ou deportivas. O Servizo está integrado polos colexios maiores Fonseca, Rodríguez Cadarso e San Clemente, así como as residencias universitarias Monte da Condesa e Burgo das Nacións, en Santiago de Compostela; e a residencia universitaria Jesús Bal y Gay, na cidade de Lugo.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 30.06.2023.