Aberto o prazo para concorrer á convocatoria de axudas á investigación sobre o Camiño de Santiago e das Peregrinacións
A sexta edición das axudas á investigación sobre o Camiño de Santiago e das Peregrinacións xa está en marcha para proxectos que se executen entre o 1 de setembro de 2023 e o 30 de novembro do mesmo ano. Cada unha das tres axudas que se concedan albergará unha dotación máxima de 2.000 euros. Esta é unha iniciativa coa que se pretende fomentar o coñecemento histórico e actual da ruta xacobea, así como a promoción e difusión dos valores a ela asociados nas súas diferentes facianas, cumprindo deste xeito cos fins da Cátedra Institucional do Camiño de Santiago e das Peregrinacións, froito da colaboración entre a USC e Turismo de Galicia da Xunta de Galicia.
Poderán ser beneficiarias das axudas, todas aquelas universidades e entidades que teñan actividade e finalidade investigadora, personalidade xurídica propia e capacidade suficiente de obrar. Cada unha das solicitudes deberá ser presentada por unha única persoa física con capacidade investigadora vinculada ás entidades mencionadas no parágrafo anterior (doutorandos/as, investigadores/as, profesores/as universitarios, nacionais ou estranxeiros/as) que desenvolva a súa actividade investigadora sobre o Camiño de Santiago e as Peregrinacións. Dita persoa actuará como investigador/a principal e será a responsable da execución dos gastos necesarios para o desenvolvemento dos proxectos. Quedarán excluídas desta convocatoria aquelas persoas que xa percibiran axudas financiadas pola cátedra nos últimos tres anos.
As solicitudes presentaranse a través do rexistro electrónico da USC e dirixiranse á Vicerreitoría de Transformación Dixital e Innovación a través desta ligazón. O prazo de presentación de solicitudes é dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no taboleiro electrónico da USC.