Aberto o prazo para inscribirse nas actividades deportivas de verán que se desenvolven en xuño e xullo en Santiago
A Área Deportiva da USC xa ten aberto o prazo de inscrición nas Actividades de Verán, unha selección de actividades físico-deportivas relacionadas co benestar, a aprendizaxe deportiva, as actividades acuáticas, o traballo aerobio e de acondicionamento físico. En total son 14 as actividades propostas en Santiago, onde o prazo de inscrición xa está aberto ata o 19 de maio; o mércores 15 abrirá o prazo de inscrición nas actividades que se ofertarán no campus de Lugo. As modalidades de inscrición e os seus correspondentes prazos poden consultarse na páxina web de Deporte na USC.
Actividades acuáticas
As actividades acuáticas ofertadas no mes de xuño serán aquagym, natación para persoas nacidas no ano 2009 e anteriores, natación de 2007 e 2010, natación 1968 e anteriores, natación deportiva e natación terapéutica.
Benestar, lecer e actividades aeróbicas
Ioga, mindfulness, pilates e tai-chi + chi-kung conforman a oferta que se desenvolverá ao longo de xuño e xullo nas Actividades de Verán 2024 da USC. No relativo a actividades aeróbicas, a institución compostelá oferta en xuño GAP + tono e zumba.
Aprendizaxe deportiva
Ofertarase kung-fu na modalidade de aprendizaxe deportiva durante os meses de xuño e xullo.
Saída especial de verán
Haberá ademais en sendeirismo unha ruta especial de verán para percorrer o Pireneo Francés, que se desenvolverá do 24 ata o 30 de xullo.