Aberto o prazo do inscrición para a cuarta edición do curso 'Emprender no Campus de Lugo, unha realidade ao teu alcance'
A Área de Autoemprego do Campus de Lugo en colaboración coa Facultade de Administración e Dirección de Empresas e a Asociación de Jóvenes Empresarios de Lugo organiza entre o 30 de outubro e o 14 de decembro a cuarta edición do curso ‘Empreder no Campus de Lugo unha realidade ao teu alcance’.
Este curso de perfeccionamento pretende incrementar a vocación empresarial entre os membros da comunidade universitaria, poñendo ao seu alcance as ferramentas suficientes para a transformación dunha idea nunha empresa con expectativas de futuro.
Para conseguir os seus obxectivos os asistentes traballarán a través das propias vivencias persoais de emprendedores aspectos como a xeración e maduración de ideas empresariais e tratarán de romper os mitos sobre as persoas que crean empresas. Ademais, aos participantes concederáselles un título de Formación Continua e dous créditos de libre configuración para todas as titulacións da USC.
O curso desenvolverase na Facultade de Administración e Dirección de Empresas do Campus de Lugo e ten un prezo de 30 euros. Os interesados deben preinscribirse na Área de Autoemprego do Campus de Lugo situada no Edificio CACTUS.