Ir o contido principal

Aberto o prazo de inscrición da segunda edición do Seminario Permanente de Comunicación e Xénero CO(M)XÉNERO

Cartel do encontro que se vai celebrar o 26 de marzo na Facultade de Ciencias da Comunicación
Cartel do encontro que se vai celebrar o 26 de marzo na Facultade de Ciencias da Comunicación

A segunda edición de CO(M)XÉNERO, Seminario Permanente de Comunicación e Xénero, celebrarase o martes 26 de marzo na Facultade de Ciencias da Comunicación da USC organizado polo Grupo de Estudos Audiovisuais (GEA). Este encontro busca ser un foco permanente de discusión e formación sobre o papel dos medios na vertebración da sociedade, con especial atención á visibilización informativa e cinematográfica da identidade de xénero. Está dirixido a profesionais, estudantes de comunicación e a todas as persoas interesadas en adquirir ferramentas que lle axuden a abordar unha lectura crítica dos medios. A inscrición é de balde e estará aberta ata o 25 a través do formulario dispoñible na web do grupo.

Coordinado pola director de GEA, a catedrática Margarita Ledo Andión, e a docente e investigadora da USC Marta Pérez Pereiro, a segunda edición de CO(M)XÉNERO desenvolverase co lema ‘ Muller nas Estremas’ para explorar as fronteiras físicas, imaxinarias e culturais vencelladas ao xénero dende o punto de vista do cinema como medio para encaralas. No seu desenvolvemento contará coa presenza de dúas investigadoras especializadas no tratamento da muller e o femenino na contorna cinematográfica: Ana Catarina Pereira, docente da Universidade da Beira Interior (Covilhã, Portugal) e Elena Oroz, profesora da Universidade Carlos III e do Centro Universitario TAI.

Nesta edición, o Seminario Permanente de Comunicación e Xénero colabora coa Mostra Internacional de Cinema Etnográfico (MICE). Ademais, como explican as organizadores do evento, serve de complemento teórico e formativo a unha Carta Branca que, baixo o mesmo título de ‘Muller nas Estremas’, programa unha serie de proxeccións sobre a figura da muller como viaxeira, como migrante, como exiliada, con filmes que exploran as fronteiras como lindes á súa mobilidade física e simbólica. As sesións da Carta Blanca, programadas do 26 ao 28 de marzo en diferentes espazos de Compostela, abeiran pezas de estilos e estratexias nas que se entrecruzan o experimental, o ensaístico e o observacional a través das creacións de Ursula Biemann, Keina Espiñeira, Bouchra Khalili, Xosela Franco e Anxela Caramés.

No encontro tamén colaboran a Xunta de Galicia, a Oficina de Igualdade de Xénero da USC e a Asociación Xornalistas Galegas.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 12.03.2019.