Ir o contido principal

Aberto o prazo de inscrición do sétimo curso de ‘Goberno corporativo e responsabilidade social das empresas’

O Centro de Responsabilidade Social das Empresas, Goberno Corporativo e Protección do Investidor da USC (CERGI) manterá aberto ata o día 23 de abril o prazo de inscrición do sétimo curso de ‘Goberno corporativo e responsabilidade social das empresas’. O curso celebrarase dende o propio día 23 ata o 8 de maio cunha carga lectiva de 40 horas presenciais. No programa están incluídos entre outros temas a responsabilidade dos dirixentes das sociedades mercantís, os paraísos fiscais, a responsabilidade das empresas coa sociedade ou cuestións arredor da sustentabilidade, entre outros asuntos. A análise destas cuestións recaerá en expertos en goberno corporativo e responsabilidade social do Grupo Banco Santander, da Editorial Corresponsables ou do Consello Galego da Competencia, así como das universidades de Valencia, Valladolid, Alcalá de Henares, Complutense de Madrid e Santiago de Compostela. No último día, impartirase un taller de emprendemento para axudar aos mozos e mozas de Galicia a facer realidade as súas ideas emprendedoras. Para poder asistir, é necesario formalizar a inscrición na secretaría do CERGI, na Facultade de Dereito, 3º andar, área de Dereito Mercantil, os martes, mércores ou venres de 10.00 a 14.00 horas ata o mesmo 23 de abril. Para acadar maior información, as persoas interesadas poden dirixirse ao enderezo electrónico armidaliliana.gallegos [at] usc.es (armidaliliana[dot]gallegos[at]usc[dot]es).

Os contidos desta páxina actualizáronse o 08.04.2013.