Aberto o prazo para participar na sexta edición do premio a TFG e TFM sobre o Camiño de Santiago
Co obxectivo de fomentar o coñecemento histórico e actual do Camiño de Santiago e das peregrinacións, así como a promoción e difusión dos seus valores, bota a andar a sexta edición do premio a traballos fin de grao (TFG) e fin de mestrado (TFM) sobre a ruta xacobea. Ata o 8 de outubro, poderá presentarse o alumnado que teña defendido un TFG ou TFM durante o curso 2022-2023, en calquera universidade española ou estranxeira. A convocatoria está impulsada pola Cátedra do Camiño de Santiago e as Peregrinacións, froito da colaboración entre a USC e Turismo de Galicia da Xunta de Galicia.
O tema de estudo debe abordar o Camiño de Santiago e as peregrinacións baixo diversos aspectos —históricos, culturais, xeográficos, ou turísticos, entre outros —, e que tiveran acadado a máxima cualificación académica (sobresaliente) por parte das respectivas comisións. Entregarase un único premio en metálico de 500 euros.