Ir o contido principal

Aberto o prazo para participar en #TEDSaúde, o certame de subtitulación de vídeos TED de ciencias da saúde ao galego

As 20 prazas cubriranse por orde de inscrición, con lista de agarda. FOTO: Santi Alvite
As 20 prazas cubriranse por orde de inscrición, con lista de agarda. FOTO: Santi Alvite
A convocatoria está estruturada en dúas categorías, unha dedicada a membros da comunidade universitaria e outra a membros da comunidade TED
Santiago de Compostela

A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Farmacia da USC, co apoio do Servizo de Normalización Lingüística, acaba de convocar o V Concurso de subtitulación de vídeos TED de Ciencias da Saúde ao galego. Estimular o uso do galego nesta área de coñecemento, así como fomentar a existencia de recursos divulgativos en galego en novos soportes neste ámbito, conforman os obxectivos desta iniciativa. 

O certame está estruturado en dúas categorías, unha dedicada a membros da comunidade universitaria e outra a membros da comunidade TED. Na primeira modalidade, debe formalizarse a inscrición ata o 4 de marzo nun obradoiro gratuíto, de catro horas de duración, no que se aprenderá como funciona a plataforma de tradución e subtitulación e previrte sobre os erros máis frecuentes da tradución inglés-galego. O taller terá lugar o xoves 12 de marzo de 16.00 a 20.00 horas. As 20 prazas cubriranse por orde de inscrición, con lista de agarda.

A continuación, disporase ata o 12 de abril para realizar a tradución e subtitulación dun vídeoTED relacionado coas ciencias da saúde. O xurado decidirá cal é, dos vídeos presentados, o de maior calidade, o cal recibirá un premio de 250€ e un diploma honorífico. Todas as persoas que participen recibirán un diploma da USC de asistencia á actividade por catro horas así como unha constancia da experiencia de tradución e subtitulación.

Na modalidade destinada á comunidade TED, a inscrición debe realizarse enviando un correo electrónico a snl.concurso.subtitulacion [at] usc.es (snl[dot]concurso[dot]subtitulacion[at]usc[dot]es) ata o 4 de marzo, indicando nome, DNI, e enderezo postal. Disporase tamén ata o 12 de abril para realizar a tradución ao galego e a subtitulación dun vídeo TED da área de saúde. O xurado decidirá cal é, dos vídeos presentados, o de maior calidade, o cal recibirá un premio de 150€ e un diploma honorífico.
 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 17.02.2020.