Ir o contido principal

Aberto o prazo para a presentación de recursos ante a Comisión Electoral Central contra a proclamación provisional de candidaturas

O día 14 de febreiro de 2022 está prevista a proclamación definitiva de candidatos e candidatas, así como o sorteo de membros das mesas electorais electrónicas. FOTO: Santi Alvite
O día 14 de febreiro de 2022 está prevista a proclamación definitiva de candidatos e candidatas, así como o sorteo de membros das mesas electorais electrónicas. FOTO: Santi Alvite
Esta fase do proceso das eleccións a reitor/a, representantes no Claustro e estudantes nas Xuntas de Centro estenderase ata o vindeiro mércores 9 de febreiro
Lugo, Santiago de Compostela

O prazo para a presentación de recursos ante a Comisión Electoral Central contra a proclamación provisional de candidaturas no marco das eleccións a reitor/a, representantes de todos os sectores no Claustro Universitario, así como de estudantes nas Xuntas de Centro, estenderase do 7 ao 9 de febreiro. No caso dos comicios a reitor/a só se rexistrou a candidatura do profesor Antonio López, mentres que no caso da elección de representantes no Claustro Universitario o número de persoas candidatas ascendeu a 177 no sector I, 48 no sector II, 125 no sector III e 54 no sector IV. Finalmente, 292 foi o número de candidaturas rexistradas na elección de representantes de estudantes nas Xuntas de Centro.

O día 14 de febreiro de 2022 está prevista a proclamación definitiva de candidatos e candidatas, así como o sorteo de membros das mesas electorais electrónicas, o que dará paso ao desenvolvemento da campaña electoral, entre os días 15 e 21 de febreiro. Logo da xornada de reflexión do día 22, as votacións por vía electrónica celebraranse o 23 de febreiro entre as 9.00 e as 19.00 horas. A proclamación definitiva do reitor será o 9 de marzo. Toda a información relativa aos comicios pode consultarse na web das eleccións.

Sistema de votación

Os electores/as terán que conectarse a través da súa Secretaría Virtual, ou ben dende a páxina web electoral, na que se habilitará unha ligazón á aplicación de voto.  En caso de non poder conectarse, as persoas interesadas deberán poñelo en coñecemento da Comisión Electoral Central ou da Secretaría Xeral a efectos de que se tomen as medidas oportunas para resolver a incidencia. A comunicación farase a través da conta de correo evoto [at] usc.es (evoto[at]usc[dot]es)

O proceso electoral consistirá na emisión de votos dende un dispositivo conectado a  Internet ata unha urna dixital remota situada nun recinto protexido e baixo a custodia da Comisión Electoral Central da USC. A institución compostelá garantirá que a infraestrutura tecnolóxica que dá soporte ao sistema electoral contemple as medidas de seguridade que permitan o correcto funcionamento durante o período no que se exerce o dereito ao voto, o segredo e a privacidade do votante, a  integridade do voto e un escrutinio disociado.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 07.02.2022.