Aberto o prazo para presentar traballos ao I simposio internacional sobre Administración pública e democracia participativa
O grupo informal Xuristas en Acción que coordina o doutorando en Dereito Administrativo na Facultade de Dereito da USC Rubén Miranda Gonçalves organiza os días 30 setembro e 1 de outubro o I Simposio Internacional sobre Administración Pública e democracia participativa.
Enmarcado no programa de Iniciativa Xove da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado da Xunta de Galicia, o encontro científico ten como obxectivo analizar o papel que ten a xuventude no ámbito da democracia participativa.
Os mozos e mozas de entre 18 e 30 anos que desexen participar no encontro poden facelo achegando traballos orixinais e inéditos sempre que teñan un carácter científico e sexan aprobados polo comité científico. Cos mellores traballos, seleccionados por un experto comité científico nacional e internacional formado por doutores e doutorandos, publicarase unha obra colectiva totalmente gratuíta.
Os traballos científicos deben axustarse ao eixo temático ‘Participación xuvenil, Administración Pública e democracia participativa’ e restrinxirse ao Estado español, o ámbito autonómico español, a Unión Europea, América do Norte, América do Sur, Asia ou África.