Ir o contido principal

Aberto o prazo do XI Concurso literario Mazarelos

Estudantado en Filoloxía
Esta é unha convocatoria aberta ao conxunto do estudantado
Poderán participar estudantado de grao, mestrado e doutoramento matriculado en calquera titulación da USC, ou ben persoas investigadoras contratadas na USC con cargo a proxectos de I+D. O prazo remata o 30 de setembro

Co obxectivo de fomentar a creatividade do estudantado e de desenvolver a súa capacidade de expresión en lingua galega, así como para contribuír a descubrir potenciais figuras deste eido da cultura, a Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Filoloxía convoca o XI Concurso literario Mazarelos.

No certame pode participar o estudantado de grao, mestrado e doutoramento que estea matriculado en calquera titulación da USC, ou ben persoas investigadoras que estean contratadas na USC con cargo a proxectos de I+D ou programas posdoutorais, en calquera momento do ano 2025 anterior á finalización do prazo de presentación.

Admítense obras de calquera xénero literario (narrativa, poesía, teatro, ensaio...) e de calquera tema (incluída a temática científica), sempre que sexan orixinais, escritos en lingua galega en calquera norma ortográfica, inéditos e non premiados noutros concursos. Tampouco non poderán presentarse a outros concursos durante o período desta convocatoria ata que se publique a decisión do xurado.

O prazo de presentación de traballos remata o 30 de setembro e establécese un premio de 600 euros para a persoa gañadora, 500 para o segundo posto e un terceiro premio de 400 euros.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 14.04.2025.