Ir o contido principal

Aberto o primeiro prazo de inscrición para o programa Europracticum, que oferta 60 bolsas aos titulados da USC

A Vicerreitoría de Coordinación do Campus de Lugo presentou este xoves a primeira fase de inscrición para titulados no programa Europracticum IV para o bienio 2008-2010, que remata o 10 de decembro de 2008 e que nesta edición oferta 60 bolsas para traballar en empresas europeas.
A presentación correu a cargo do vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Carlos Herrero, e da vicerreitora adxunta de Infraestruturas e Servizos, Celia Besteiro. Herrero destacou o éxito da convocatoria nas tres edicións anteriores e valorou positivamente a experiencia que lles aporta ós titulados da USC o desenvolvemento da súa profesión nun ambiente empresarial diferente ao galego e o español. “O programa fomenta a capacidade de aptitudes dos titultados cara ó mundo empresarial e gañan en confianza, autoestima e en capacidade para afrontar situacións novas no mercado laboral”, expresou.
A vicerreitora adxunta de Infraestruturas e Servizos, Celia Besteiro, explicou en rolda de prensa, que poderán beneficiarse destas bolsas para completar a súa formación facendo prácticas en países europeos os titulados da USC que remataran os seus estudos entre xaneiro de 2004 e febreiro de 2009.
O programa Europracticum pretende reforzar as aptitudes e a competitividade dos titulados para obter novas posibilidades de emprego así como mellorar as súas competencias lingüísticas.As prácticas desta segunda convocatoria desenvolveríanse durante os anos 2008-2010 en países da Unión Europea como Alemania, Polonia, Austria, Francia, Irlanda, Italia, Noruega, Polonia e Reino Unido, “aínda que non descartamos outorgar bolsas a titulados que desexen traballar en empresas determinadas entrazadas nalgún outro país”, sinalou Celia Besteiro.
Os alumnos interesados deben superar unha proba de idiomas segundo o país escolleito, un curso de habilidades sociais e técnicas empresariais e unha entrevista persoal. Como requisitos tamén se inclúen coñecementos de informática, non ter experiencia profesional relacionada coa súa titulación superior a un ano e non ter gozado doutra bolsa do programa ‘Leonardo Da Vinci’.
A bolsa inclúe un seguro médico, e os gastos de desprazamento, aloxamento e manutención. O programa Europracticum está promovido pola Vicerreitoría de Relacións Institucionais e a Vicerreitoría de Coordinación do Campus de Lugo e nel colabora o Consello Social da USC, co apoio da Comunidade Europea.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 06.11.2008.