Abordan nun curso de verán as vías de inserción laboral e os nichos de emprego para as enxeñarías
As saídas laborais e os nichos de emprego que poden atopar na actualidade os enxeñeiros e enxeñeiras titulados centra a temática do curso de verán da USC ‘ Onde atopar traballo nas enxeñarías?’, un programa dirixido por Francisco Fraga López e Jorge Rivera Gómez, que se desenvolverá na Facultade de Ciencias do Campus Terra da USC do 16 ao 20 de xullo. A matrícula neste seminario estival orientado a estudantes e titulados de todos os sectores da enxeñaría permanece xa aberta na web.
O programa deste curso de verán, estruturado en 25 horas lectivas e no que intervirán arredor de 20 relatores procedentes do ámbito académico, pero tamén do sector empresarial e institucional, pretende ofrecer unha visión ampla das saídas laborais e das distintas posibilidades de emprego que poden atopar os enxeñeiros/as xa graduados.
“O ámbito das enxeñarías é un dos poucos nos que aínda se pode atopar emprego nesta época de crise”, salientou o profesor da USC e director deste curso estival, Francisco Fraga, quen tamén precisou que “arredor dun 80% dos enxeñeiros graduados/as na Facultade de Ciencias atopan un emprego nun horizonte temporal de dous anos e medio”.
As posibilidades de inserción laboral dos enxeñeiros e enxeñeiras son múltiples e moi diversas, aínda que non sempre se coñecen todos os ámbitos nos que se pode desenvolver este perfil profesional, sinalou Fraga López na presentación deste foro estival da USC, un acto desenvolvido na sede do Colexio de Graduados en Enxeñaría da rama Industrial e Enxeñeiros Técnicos Industriais de Lugo (Cogiti), no que tamén participaron Jorge Rivera e o profesor José Blanco, quen actúa como secretario do curso.
O programa do curso de verán ‘Onde atopar traballo nas enxeñarías?’, cuxos contidos están accesibles na web, está estruturado arredor de catro grandes áreas temáticas. Daquela, a primeira xornada do foro permitirá aos asistentes profundar nas distintas alternativas de emprego que ofrece o sector enerxético. O traballo autónomo, tanto o orientado á realización de peritaxes como de proxectos, será o tema capital da segunda xornada dun curso, que tamén dedica un día a analizar as posibilidades laborais que depara para as enxeñarías as explotacións agrarias, gandeiras e forestais. A enxeñaría na función pública e nas actividades perigosas, os recursos humanos e a acreditación profesional son outras das cuestións sobre as que tratará este seminario estival da USC.