Abre o luns no Uxío Novoneyra a exposición cos traballos do XIII Maratón Fotográfico do Campus
Os traballos presentados á edición número trece do Maratón Fotográfico do Campus, organizado pola Vicerreitoría de Cultura, estarán a disposición do público a partir do luns e ata o último día do mes na Sala de Exposicións do Centro Social Uxío Novoneyra.
A mostra será inaugurada o luns, ás 20:00 horas, por parte de representantes das entidades que conforman o programa Lugo Cultural. Estarán por tanto, os vicerreitores de Coordinación e de Cultura, Carlos Herrero e Elías Torres; o delegado provincial da Consellería de Cultura, Antonio Molina, e o responsable en Lugo da Fundación Caixa Galicia, Sinesio Pérez, ademais de membros do Concello de Lugo e da Deputación. Tamén estará presente Eduardo Ochoa, comisario da exposición.
Esta mostra estivo tamén en Santiago e nas instalacións do campus lucense e recolle o traballo fotográfico realizado por doce estudantes universitarios, que enviaron as súas fotografías a esta convocatoria. Nesta inauguración tamén se presentará o catálogo da exposición, acto amenizado polos músicos Carlos Díaz e Olalla Caamaño, que participaron na cita musical do verán ‘Entre lusco e fusco’ e que a súa música foi incluída no CD ‘Na memoria’.