Ir o contido principal

Abre a matrícula nos novos cursos de danza latina e tradicional galega

Abre a matrícula nos novos cursos de danza latina e tradicional galega
Abre a matrícula nos novos cursos de danza latina e tradicional galega

A danza latina e a tradicional galega serán as protagonistas dos novos cursos que ofrece o Espazo de Danza da USC en Compostela e Lugo. Para todos eles, a desenvolver de febreiro a xuño validables por créditos ECTS, a matrícula ábrese o 1 de febreiro.

Neste segundo semestre, en Compostela ofrécense os cursos de danza latina en dúas modalidades, nivel intermedio e internacional, ambos os dous impartidos por Miguel David Herrera. O primeiro caracterízase por unha combinación integradora entre a danza caribeña e a historia dos bailes latinos, co apoio de materiais audiovisuais e actividades de extensión universitaria, como a Semana da Danza Latina. Serán dous días de clase á semana na Residencia Universitaria Burgo das Nacións.

O curso internacional de danza latina está orientado principalmente ao alumnado estranxeiro, que aprenderá a bailar e apreciar a cultura latinoamericana. Terá lugar nas tardes dos xoves no Espazo Baleiro dos baixos da Facultade de Filoloxía.

No que respecta ao curso de danza tradicional galega, impartirao Alejandro Martínez do 6 de febreiro ata mediados de xuño nas noitiñas dos martes no Colexio Maior Fonseca.

Lugo

A programación do Espazo de Danza da USC para o segundo semestre no campus de Lugo contempla un curso de danza latina (salsa, bachata, merengue, conga, cha-cha-chá e rueda cubana) na modalidade de nivel intermedio. Miguel David Herrera será o encargado de impartir este curso de danzas latinas, a través do que os participantes poderán perfeccionar a súa técnica e expresión corporal nos diversos bailes caribeños, ademais de poñer en valor a cultura latinoamericana.

O prazo de inscrición nesta nova programación do Espazo de Danza da USC na sede universitaria luguesa permanecerá aberto desde o 1 de febreiro ata completar as prazas ofetadas. O curso está estruturado en 30 horas de formación, que se desenvolverán os venres desde o 23 de febreiro ata o 8 de xuño na Sala de Danza e Teatro da Facultade de Veterinaria, en horario de 16.00 a 18.00 horas.

As persoas interesadas en inscribirse poderán facelo, en Lugo nas oficinas da Área de Cultura situadas no edificio de Vicerreitorías, ou ben a través dos números de teléfono 982 821 510 ou 982 821 513. En Santiago, na Casa da Balconada (Rúa Nova, 6) ou nos teléfonos 881 811018 e 881 81110.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 26.01.2018.