Ir o contido principal

Abre o prazo para presentar propostas á nova edición do programa Acelerador de Transferencia da USC

Detalle do cartel da convocatoria
Detalle do cartel da convocatoria
Está dirixido a grupos de investigación das áreas de Ciencias, Ciencias da Saúde, Enxeñaría e Arquitectura que lograran resultados con potencial no eido empresarial

O programa Acelerador de Transferencia da USC inicia unha nova edición á que xa se poden presentar propostas e cuxo obxectivo é facilitar a transferencia de resultados de investigación xerados polos grupos de investigación de Ciencias, Ciencias da Saúde, Enxeñaría e Arquitectura da USC ao mercado que identificaran algún resultado de investigación con potencial de transferencia. A iniciativa busca avanzar no proceso de maduración de resultados de investigación, facilitando a súa transferencia á contorna social e económica, e está promovida pola Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento da USC (AVTE) e financiada polo Banco Santander.

A AVTE subliña que os proxectos de valorización están encamiñados á maduración de tecnoloxías, en especial protexidas mediante patente, a través de actividades de carácter demostrativo ou precompetitivo que permitan reducir as incertezas sobre a viabilidade técnica da tecnoloxía. E deben centrarse en desenvolver as accións críticas imprescindibles para conseguir a implicación dunha empresa ou outro axente externo no proceso de desenvolvemento da tecnoloxía, e conseguir o seu traslado ao mercado.

De acordo coas bases da convocatoria, serán susceptibles de recibir o apoio do Acelerador as propostas que conten con investigación previa sobre a solución técnica que se pretende desenvolver e o grao de desenvolvemento da mesma sexa TRL3 ou TRL4; que xustifiquen que coa execución da proposta se vai activar a transferencia; e que conten cun destinatario final do acordo de transferencia ou un socio colaborador no desenvolvemento que se comprometa durante o proxecto ou ao final do mesmo se os resultados son positivos, pois con este socio estableceríase un acordo de valorización ou de licenza ou procederíase á creación dunha spin off.

Financiamento e asesoramento
Da convocatoria, indica a AVTE, tamén poderán beneficiarse aqueles proxectos que teñan como obxectivo avanzar no proceso de valorización, de xeito que se obteña maior madurez na comprensión da súa potencialidade de transferencia. Así, poderanse apoiar propostas para realizar informes de mercado, asesoramento regulatorio ou follas de ruta para o seu desenvolvemento, entre outras, que poidan facilitar a captación de fondos doutras convocatorias de valorización.

Os proxectos contarán dende o primeiro momento co asesoramento do persoal técnico da AVTE e o financiamento poderá chegar ata 40.000 euros por un período de entre tres e nove meses. O prazo para presentar solicitudes remata o 5 de decembro.
 

Cartel da iniciativa
Cartel da iniciativa
Os contidos desta páxina actualizáronse o 11.11.2024.