Ir o contido principal

Abre o prazo para presentar proxectos á IX convocatoria de innovación educativa en aprendizaxe-servizo da USC

O estudantado realiza un servizo á comunidade ao mesmo tempo que aprende. FOTO: Santi Alvite
O estudantado realiza un servizo á comunidade ao mesmo tempo que aprende. FOTO: Santi Alvite
Poderán concorrer iniciativas emerxentes, en consolidación ou consolidadas relativas a esta metodoloxía educativa na que o estudantado traballa sobre as necesidades reais da contorna e amplía a súa responsabilidade social

Os programas de Aprendizaxe-Servizo (ApS) constitúen desde hai anos unha proposta de innovación educativa asociada a avanzar no logro de competencias profesionais e a optimizar o crecemento persoal do estudantado a través dun servizo á comunidade. Con esta base, a USC acaba de lanzar a novena convocatoria para presentar iniciativas coa vontade de impulsar, asesorar, recoñecer e dar difusión a proxectos de innovación que utilicen a metodoloxía ApS nos procesos de ensino-aprendizaxe na institución compostelá, integrando a preparación para a práctica profesional co exercicio da responsabilidade social do alumnado. O prazo de presentación de solicitudes esténdese ata o vindeiro 26 de xuño.

Os proxectos deben estar vencellados a materias que figuren no Plan de Organización Docente (POD) do curso 2024-2025 e poden ser presentados nalgunha das tres modalidades que integran a convocatoria. A ‘Modalidade A. Proxectos emerxentes’ acolle a presentación de propostas que concorran por primeira vez ás convocatorias de innovación educativa en ApS da USC, ou que en edicións anteriores non foran seleccionadas. A ‘Modalidade B. En consolidación’ é para propostas que xa foran implementadas e avaliadas positivamente en convocatorias anteriores e que amplíen a súa intervención coa presenza dalgún elemento innovador (implicación doutras materias, participación de varios centros e/ou campus, extensión de entidades colaboradoras...). E a ‘Modalidade C. Proxectos consolidados’ inclúe as propostas que xa foran implementadas e avaliadas positivamente nun mínimo de catro ocasións nun período de cinco convocatorias seguidas.

Nas ApS o estudantado traballa sobre as necesidades reais da contorna, o que lle permite mellorar o coñecemento nunha disciplina e ampliar a súa responsabilidade social simultaneamente. A presentación das propostas, que poden ser individuais ou grupais, pode realizala persoal docente e investigador da USC que teña vinculación no Plan de Organización Docente coa materia ou materias para as que se presenta o proxecto. O persoal sen vinculación permanente a tempo completo poderá formar parte dos proxectos, pero non coordinalos. A solicitude realizarase a través do Rexistro Electrónico da Sede Electrónica da USC.

“O auxe da ApS na educación superior está ligado a unha activa relación da universidade coa sociedade civil”, explican dende o Centro de Formación de Persoal da USC. No ano 2015, a CRUE recoñecía a importancia da institucionalización da ApS como estratexia docente dentro do marco da responsabilidade social universitaria para a promoción da sustentabilidade. A USC conta xa con achegas significativas no desenvolvemento desta metodoloxía desde hai anos.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 30.05.2024.