Ir o contido principal

Abre o prazo para as probas de selección de ESTALMAT-Galicia de detección e estímulo do talento en matemáticas

Foto de familia de participantes do curso pasado na Facultade de Matemáticas xunto con parte do equipo organizador. Foto: Santi Alvite
Foto de familia de participantes do curso pasado na Facultade de Matemáticas xunto con parte do equipo organizador. Foto: Santi Alvite
Ata o 25 de maio poden inscribirse nenos e nenas de 12 e 13 anos, que farán a proba o 31 de maio

O Proxecto ESTALMAT-Galicia para a detección e estímulo do talento en matemáticas mantén aberto ata o 25 de maio o prazo para que estudantes de 12 e 13 anos se presenten ás probas de selección para o curso 2025-26, que terán lugar o 31 de maio en cada nunha das catro sedes, situadas nas cidades de Santiago, Lugo, Ourense e Vigo.

Con esta promoción, que será a décimo oitava, o programa Estalmat-Galicia sumará un total de 460 mozas e mozos seleccionados e máis de 5.000 que se teñen presentado ao proceso de selección.

A proba
Consistente na resolución de 5 problemas de distinto tipo, a proba terá unha duración de 2 horas e 30 minutos. Días antes, a organización colgará un vídeo cos detalles e as instrucións a ter en conta esa xornada.

A organización conta para o desenvolvemento desta proba coa colaboración do IES Eduardo Blanco Amor de Ourense, do IES Castelao de Vigo, da Facultade de Formación do Profesorado de Lugo e da Facultade compostelá de Matemáticas.

As probas corríxeas de forma anónima un equipo de dez docentes, con dúas correccións independentes para cada problema, mentres que a preselección é feita polo conxunto do comité.

A lista alfabética dos preseleccionados farase pública na páxina web do proxecto (www.estalmatgalicia.com) antes do 30 de xuño. Os primeiros 25 rapaces e rapazas preseleccionados e os seus pais/nais/titores serán convocados a unha entrevista persoal, pois deberán adquirir o compromiso de acudir ás actividades do Proxecto.

Estalmat
As actividades de Estalmat terán lugar na Facultade de Matemáticas. A duración é de 3 horas por sesión, nas mañás dos sábados dos dous vindeiros cursos académicos (20 sesións cada ano), con posibilidade de continuar un curso mais en Estalmat Pi (15 sesións).  

Con esta iniciativa, trátase de detectar e prestar atención a nenos e nenas con talento, desenvolvendo aspectos que permitan axudar a pensar en matemáticas, resolver problemas e, en definitiva, gozar desta ciencia ao tempo que se detecta e canaliza o talento matemático para o seu mellor aproveitamento pola sociedade. 

O Proxecto ESTALMAT-Galicia
O Proxecto ESTALMAT-Galicia para a detección e estímulo do talento en matemáticas no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, forma parte do Proxecto ESTALMAT-España, implantado en varias comunidades autónomas. Conta cun financiamento específico da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación profesional, da Axencia Galega de Innovación e das Deputacións da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra. Entre os colaboradores figura ademais Casio educación.

Desde finais pasado ano Estalmat-Galicia forma parte do proxecto SUMO Valor da USC, desde o que xa fixeron achegas particulares así como as empresas DXC Technology desde o seu Centro de Excelencia para iniciativas de Datos e Intelixencia Artificial para España e Portugal e o Centro de Investigación Mestrelab. 
 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 13.05.2025.