Abre este venres no Uxío Novoneyra a exposición cos traballos do XIV Maratón Fotográfico do Campus

Os traballos presentados á edición número catorce do Maratón Fotográfico do Campus, organizado pola Vicerreitoría de Cultura, estarán a disposición do público, en horario de tarde, a partir deste venres 19 e ata o 22 de xaneiro de 2009 na Sala de Exposicións do Centro Social Uxío Novoneyra.
A mostra será inaugurada ás 12:40 horas, por parte de representantes das entidades que conforman o programa Lugo Cultural. Estarán por tanto, os vicerreitores de Coordinación e de Cultura, Carlos Herrero e Elías Torres; o delegado provincial da Consellería de Cultura, Xoán Xosé Molina, e o responsable en Lugo da Fundación Caixa Galicia, Sinesio Pérez, ademais de membros do Concello de Lugo e da Deputación. Tamén estará presente Eduardo Ochoa, coordinador do Espazo Fotográfico da USC, e o fotógrafo Carlos Valcárcel.
Esta mostra estivo anteriormente na Sala Isaac Díaz Pardo, onde se inaugurou, e outras instalacións do campus lucense e recolle o traballo fotográfico realizado por vinte participantes neste maratón fotográfico, que enviaron as súas fotografías a esta convocatoria. Nesta inauguración tamén se presentará o catálogo da exposición, acto amenizado polo Grupo de Espazo e Danza Universitario da Vicerreitoría de Cultura.