Ir o contido principal

Ábrese a inscrición para os cursos e obradoiros do Espazo de Fotografía en Santiago

Ábrese a inscrición para os cursos e obradoiros do Espazo de Fotografía en Santiago
Ábrese a inscrición para os cursos e obradoiros do Espazo de Fotografía en Santiago
O responsable da programación é o fotógrafo Fuco Reyes, que ten previstas varias actividades paralelas

Este xoves 19 ábrese o prazo de inscrición para os cursos e obradoiros do primeiro cuadrimestre do Espazo de Fotografía que dirixe Fuco Reyes. Todos eles desenvolveranse na Facultade de Ciencias Políticas de 19.00 a 21.00 horas, agás o primeiro sobre a historia da fotografía que, de carácter gratuíto, terá lugar os días 1, 3 e 8 de outubro de 18.00 a 20.00 horas. O alumnado de grao que complete varios destes cursos poderá recibir 1 crédito por cada 25 horas de asistencia. A mediados de outubro, o día 10, comezará o curso de iniciación á fotografía dixital no que, cunha duración de 16 horas, se aprenderá o manexo da cámara e técnicas básicas de disparo e composición. A fotografía dixital (nivel intermedio) é a terceira proposta de Fuco Reyes, a desenvolver en diversas xornadas do 7 de novembro ao 5 de decembro nas que se afondará nas técnicas fotográficas e elementos de composición. Está dirixido a persoas que xa fixeron o curso de iniciación ou que xa posúen coñecementos. A oferta para o primeiro cuadrimestre remata no mes de decembro cun obradoiro de fotografía nocturna dunha duración de 12 horas. Programa alternativo Paralelamente, durante todo o curso académico organizarase unha vez ao mes no Centro Galego de Arte Contemporánea un foto-fórum de debate sobre cuestións relacionadas coa fotografía aberto a toda persoa interesada. Proximamente anunciarase a data da primeira, que tratará sobre os dereitos de imaxe. Ademais, e xurdida do propio Espazo de Fotografía da USC, está en marcha unha comunidade virtual (http://compostelafoto.com/) que serve de punto de encontro para todas aquelas persoas interesadas na materia.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 18.09.2012.