Ir o contido principal

Abriu o prazo para participar na convocatoria 2017 do concurso Explícoche Matemáticas 2.0

Esta é unha iniciativa da Facultade de Matemáticas en colaboración co Servizo de Normalización Lingüística da USC
Esta é unha iniciativa da Facultade de Matemáticas en colaboración co Servizo de Normalización Lingüística da USC
É unha iniciativa que promove a utilización do galego no ámbito das Matemáticas

O concurso Explícoche Matemáticas 2.0 alcanza a súa sétima edición co obxecto de promover a utilización do galego como medio de transmisión das Matemáticas, así como a creatividade do alumnado a través da realización de curtametraxes de dous minutos de duración nas que se explique en galego algún concepto matemático. Tanto os vídeos como a documentación que se debe achegar poderá remitirse ata o 22 de abril, inclusive, ao correo electrónico zmatdeca [at] usc.es (zmatdeca[at]usc[dot]es) ou por correo postal (dirixido á Decana da Facultade de Matemáticas –Explícoche Matemáticas 2.0- en Campus Vida s/n, 15782 Santiago de Compostela).

As persoas interesadas xa poden presentar as súas propostas que deberán ser inéditas e orixinais. A convocatoria contempla dúas posibles categorías que se corresponden á súa vez cos dous grupos principais de destinatarios/as: alumnado de universidades públicas do Estado español, procedentes de graos ou másteres, que poderán participar de xeito individual ou en grupos de ata 3 integrantes; e estudantes de 3º e 4º de ESO, Bacharelato ou ciclos de Formación Profesional dos centros de Galicia e comunidades limítrofes, en grupos de ata 3 estudantes coordinados por un profesor/a. Outorgarase un premio de 300 euros por categoría.

Cada proposta consistirá nun vídeo de ata 2 minutos de duración sobre un tema relacionado coas Matemáticas. A temática e enfoque pode ser máis formal (definición dun concepto, teorema, idea intuitiva ou aplicación) ou recoller manifestacións diversas deste ámbito temático na vida cotiá, de carácter cultural, artístico ou social. En ambos casos a condición indispensable é que a lingua empregada sexa o galego, estando permitido calquera recursos multimedia, audiovisual ou artístico para a realización das curtametraxes. Quen concurse deberá subir o vídeo a unha canle de Youtube e proporcionar unha ligazón válida para a visualización. Ademais, os vídeos deben ter boa calidade tanto visual como sonora.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 23.03.2017.