Abriu o prazo de preinscrición do programa Verán CampUSC 2018

A convocatoria 2018 do programa Verán CampUSC desenvolverase en cinco quendas entre finais de xuño, todo o mes de xullo e a primeira semana do mes de setembro, cunha oferta de cen prazas en cada unha, das que 70 estarán reservadas á comunidade universitaria e as restantes ao público xeral. Como nas súas anteriores edicións, o programa Verán CampUSC 2018 está concibido como unha actividade deportiva, cultural, socioeducativa e de lecer, desenvolvida no período de verán que permita conciliar a vida laboral e familiar, dando preferencia ao persoal da USC pero tamén aberta ao público xeral. Está organizado pola Fundación USC Deportiva coa colaboración, por terceiro ano consecutivo, da concellaría de Igualdade, e co apoio da Oficina de Igualdade de Xénero e do Servizo de Deportes da USC.
As cinco quendas dispoñibles estenderase do 22 ao 29 de xuño; en xullo, do 2 ao 13, do 16 ao 20 e do 23 ao 31; e do 3 ao 7 de setembro. Dirixido a nenos e nenas de entre 3 e 13 anos, o programa desenvolverase de luns a venres en horario de 8.45 a 14.45 horas. A preinscrición xa se pode formalizar ata o 7 de maio cubrindo o cuestionario correspondente da web da Fundación USC Deportiva. O 9 de maio, como data límite, publicaranse na mesma web as listas provisionais de persoas admitidas en cada quenda e, logo dun período de reclamación e subsanación de posibles erros, o 14 de maio publicaranse as listas definitivas.
En Verán CampUSC amosaráselle aos participantes as bases dunha importante cantidade de xogos e deportes, atendendo ás súas idades e desenvolvemento psíquico-físico. A práctica de actividades físico-deportivas, ademais do beneficios no plano da saúde, é unha vía para inculcar dun xeito lúdico valores como o esforzo, a disciplina, a perspectiva de xénero, a dedicación ou o respecto ás normas, todos eles de utilidade para a vida cotiá.
A programación de actividades está planificada atendendo a criterios psicopedagóxicos e de perspectiva de xénero. Nesta ocasión, dividirase en dous grandes grupos metodolóxicos: a ensinanza por proxectos en infantil e a metodoloxía comprensiva. Para os máis pequenos traballarase a través dun proxecto, unha proposta que utiliza un ambiente ou contido concreto para abordar todo o relacionado cunha mesma materia. Por outra banda traballarase un modelo de ensinanza polideportivo baseado na metodoloxía comprensiva cuxos principios son a cooperación, a toma de decisións e a priorización da táctica sobre a técnica.
Dentro das actividades de ocio e tempo libre inclúense diferentes obradoiros con diversas técnicas e materiais (pinturas, recortables, papiroflexia, modelaxe,...), cancións, xogos cooperativos, actividades en favor da igualdade e visitas a lugares significativos da cidade ou da súa contorna, entre outras propostas. A convocatoria 2018 de Verán CampUSC presentárona este xoves 26 nun encontro cos medios de comunicación o xerente da Fundación USC Deportiva, Óscar Hermida; a vicepresidenta da Fundación USC Deportiva, Dolores Álvarez Pérez; e a concelleira de Igualdade do Concello de Santiago, Marta Lois González.
De esquerda á dereita: Marta Lois González, Dolores Álvarez Pérez e Óscar Hermida. Foto: Paula Martínez Graña Presentación do programa Verán CamUSC 2018. Foto: Paula Martínez Graña