Ir o contido principal

ACBiodiv explora as posibilidades da vexetación como chave para combater as vagas de calor nas cidades

O obxectivo destes traballos é estudar o comportamento colonizador das plantas nas xuntas entre as laxes de pavimento
O obxectivo destes traballos é estudar o comportamento colonizador das plantas nas xuntas entre as laxes de pavimento
Este grupo de investigación da USC está a instalar plántulas e sementes de especies vexetais nas xuntas do pavimento compostelán para reducir ata en 30ª a temperatura a rentes do chan
Santiago de Compostela

O grupo de investigación da USC ACBiodiv, baixo a dirección do profesor Miguel Serrano, está a instalar, nas xuntas dos enlousados da praza compostelá de Fuenterrabía, diversas combinacións de plántulas e sementes de especies vexetais resistentes ao tránsito, habilitadas con substrato apropiado. O equipo traballa na integración da flora no núcleo urbano, así como no estudo de “que servizos ecosistémicos podería ter a presenza da vexetación na cidade”, explica o profesor Serrano.

A través de cámaras termográficas, os membros do Departamento de Botánica da USC constaron como, a rentes do chan, existe unha diferenza aproximada de 30º entre lastras con xuntas de cemento e aquelas outras que presentan vexetación. Esta evidencia levounos a profundar en se este recurso vexetal “podería matizar a suba de temperatura”. De feito, o equipo determinou que a devandita marxe de 30ª no chan tradúcese nunha diferenza ambiental de 3º, ou o que é o mesmo, a temperatura que percibe a persoa que camiña sobre esta superficie. “Nós queremos que Santiago continúe sendo unha cidade pétrea, non queremos mudar iso, tan só pretendemos ver os beneficios que pode xerar a vexetación que medra nas xuntas”, matizan. 

Contra o cambio climático

O obxectivo destes traballos é estudar o comportamento colonizador das plantas nas xuntas entre as laxes de pavimento e a súa eficacia para amortecer a temperatura ambiental durante as vagas de calor extremo, cada vez máis frecuentes no verán, coa vontade de combater os efectos do cambio climático. O equipo traballa no marco do proxecto 'Un pavimento botánico para Santiago de Compostela' que conta coa colaboración do Consorcio de Santiago no marco do programa 'A Pedra que pisas' de mantemento dos pavimentos da cidade histórica compostelá. Ademais, enmárcase dentro dos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable por conseguir unha cidade histórica que integre a micropaisaxe verde co entorno pétreo da urbe e onde a flora volva ser un elemento constante do tecido urbano, característico da paisaxe urbana histórica de Santiago de Compostela.

A pedra que pisas

O Consorcio de Santiago conta co programa 'A pedra que pisas' que dende 2007 traballa coa intención de aglutinar as iniciativas e accións encamiñadas a mellorar o coñecemento dos pavimentos históricos da cidade, así como a estudar e optimizar os instrumentos de intervención destinados á súa reparación, mantemento e conservación. O programa oriéntase á posta en valor dos máis de 60.000 metros cadrados de enlousados de granito da Cidade Histórica de Santiago de Compostela. 
 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 05.04.2023.