Ir o contido principal

O Acelerador de Transferencia da USC busca novos proxectos que levar ao mercado

Iniciou a súa segunda edición co obxectivo de levar a cabo accións que cubran a fenda entre os proxectos de investigación e o seu mercado potencial

A Unidade de Valorización, Transferencia e Emprendemento da USC inicia a segunda edición do seu Acelerador de Transferencia, programa dirixido a avanzar no proceso de maduración de resultados de investigación, facilitando a súa transferencia ao contorno social e económico seguindo a práctica doutros referentes nacionais e internacionais O Acelerador de Transferencia leva a cabo as accións necesarias para cubrir a fenda entre os resultados do que tipicamente se considera un proxecto de investigación e un coñecemento o suficientemente maduro para que resulte de interese para unha empresa ou outro axente externo, co obxectivo de aumentar as posibilidades de transferencia e polo tanto o seu valor. Aqueles proxectos que aspiren a obter o respaldo do Acelerador deberán identificar claramente cal é a brecha existente entre o resultado de investigación e o seu mercado potencial, debendo existir un destinatario final ou socio desenvolvedor para o proceso de transferencia co cal (no caso de que o proxecto resulte exitoso) se establecería un acordo de licenza ou se procedería á creación dunha spin-off. Para a selección de proxectos candidatos a obter o respaldo do Acelerador de Transferencia, valorarase o grao de novidade; a posibilidade de protexer os resultados obtidos por patente ou por outro mecanismo de protección da propiedade intelectual; o grao de madurez; a importancia da necesidade social que busca resolver ou satisfacer co produto desenvolvido; as posibilidades comerciais (mercado ao que se dirixe e vantaxes competitivas do produto resultante); e implicación do grupo de investigación no proceso de transferencia. Para calquera dúbida ou información adicional está dispoñible unha web (http://imaisd.usc.es/seccion.asp?i=gl&s=-2-29-263) ou tamén dirixirse a avte [at] usc.es (avte[at]usc[dot]es) ou ás extensións 15586 (Alberto Rodríguez) e 15581 (Diego Suárez).

Os contidos desta páxina actualizáronse o 20.12.2012.