Acordo entre as tres universidades galegas e a Xunta para impartir un grao e un máster en Intelixencia Artificial

O grao en Intelixencia Artificial (IA) ofertarase a partir do curso 2022-2023 coa consideración de titulación interuniversitaria entre as tres universidades galegas. O primeiro e o segundo cursos terán carácter común ás tres universidades e nos dous últimos cada unha delas terá capacidade para ofertar itinerarios, orientacións ou intensificacións diferentes. As universidades comezarán a elaborar a memoria de verificación para a súa posterior avaliación por parte da Consellaría, incluíndo a correspondente memoria dun mestrado en IA que igualmente comezaría a impartirse no curso 22-23. Cada universidade ofertará anualmente 50 prazas de novo acceso para o título de grao e outras 20 para o de mestrado, tamén en cómputo anual e para cada universidades.
Os tres reitores galegos, Antonio López, Julio Abalde e Manuel Reigosa asinaron este martes co conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, o acordo que regula a impartición destes estudos en Galicia. O acto contou coa presenza do presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, así como das vicerreitoras de Titulacións da USC, Maria José López Couso; de Oferta Académica e Innovación Docente da Coruña, Nancy Vázquez Veiga; e do de Ordenación Académica e Profesorado da UVigo, Manuel Ramos.
A memoria de verificación do grao, que será única para as tres universidades asinantes, contemplará un plan de estudos cunha duración de catro anos (240 créditos ECTS), tendo en conta para as posibles orientacións as capacidades do profesorado dispoñible e a especialización de cada campus. Así, os títulos impartiranse nos centros onde actualmente estanse a ofertar os graos en Enxeñaría Informática en cada unha das universidades: na Escola Técnica Superior de Enxeñaría da USC; da Escola Superior de Enxeñaría Informática do Campus de Ourense e na Facultade de Informática da Coruña.
Planificación conxunta
O acordo asinado subliña a necesidade de “manter unha visión de conxunto á hora de decidir sobre a aprobación e a implantación territorial das novas titulacións” e recolle que a planificación conxunta da oferta do SUG será acordada entre a Xunta de Galicia e as universidade de Santiago, A Coruña e Vigo. No caso específico de Intelixencia Artificial “considérase importante garantir o equilibrio territorial que facilite o acceso máis xeneralizado posible a este tipo de estudos tendo en conta a súa influencia económica e social nos vindeiros anos”.
A estratexia española de I+D+i en Intelixencia Artificial recolle que a IA é unha área da informática e comparte algunhas técnicas con outras disciplinas, como as matemáticas e a estatística ou a ciencia cognitiva. Debido á crecente complexidade das súas achegas “é cada vez máis interdisciplinar, con sinerxías coa bioloxía, a filosofía, o dereito, a psicoloxía, a socioloxía e a economía”. Neste momento, a IA é unha das disciplinas que “pode influír máis na rápida transición cara unha nova sociedade e economía. É unha revolución tecnolóxica polo que España debe involucrarse no desenvolvemento dunha estratexia de investigación, desenvolvemento tecnolóxico e innovación que contribúa á xeración de beneficios económicos e sociais no noso país”.
