Acruga recibiu o XI Premio Aresa de Desenvolvemento Rural
O presidente da Asociación de Criadores de Gando Vacún Selecto de Raza Rubia Galega (ACRUGA), César Dorado Pin, recolleu este venres 4 de febreiro o décimo primeiro Premio Aresa de Desenvolvemento Rural, promovido pola empresa luguesa Aresa e a Universidade de Santiago de Compostela, nun concorrido acto que tivo lugar no Auditorio da Facultade de Veterinaria de Lugo no que participaron unhas 500 persoas. A cerimonia estivo presidida polo reitor da USC, Juan Casares Long, e contou coa presenza dos membros do xurado desta edición, composto polo propio reitor da USC; o presidente do grupo Aresa, Álvaro Rodríguez Eiras; o vicerreitor de Coordinación e Planificación do Campus de Lugo, Pedro García Herradón; o vicerreitor de Investigación da Universidade de Murcia, Juan María Vázquez Rojas; e o actual director xeral de Nanta, Gerd Botter, en substitución de Francisco Irazusta. Tamén estiveron presentes, entre outras autoridades, o conselleiro de Medio Rural, Samuel Juárez; o alcalde de Lugo, José López Orozco; a deputada provincial Regina Polín, e o subdelegado do goberno en Lugo, José Vázquez Portomeñe; a delegada da Xunta en Lugo, Raquel Arias, e outras personalidades do eido político, académico, empresarial e social de Galicia, vinculados moitos deles á economía do rural, así como varios dos premiados en edicións anteriores O galardón deste ano recoñece a traxectoria de Acruga e a súa contribución ao desenvolvemento da economía galega. Os membros do xurado valoraron, entre outros méritos, o crecemento do número de explotacións adscritas á ACRUGA, cunhas 57.000 cabezas que a converten na segunda raza bovina de carne autóctona de maior censo en España; a aposta do colectivo polo proxecto do Centro de Recría de novillas na Granxa Gayoso Castro a través dun convenio coa Deputación de Lugo; e a posta en marcha xunto con Ternera Gallega da marca ‘Carne de Rubia Galega’. Por outra parte, o xurado tamén destacou o traballo de ACRUGA con distintos centros de investigación, o seu labor de difusión da Rubia Galega no ámbito nacional e internacional, as súas tarefas de selección para a mellora da raza e a contribución ao mantemento da actividade agraria na comunidade galega. A Asociación de Criadores de Gando Vacún Selecto de raza Rubia Galega ten a súa sede na cidade de Lugo, capital dunha provincia con grande tradición gandeira, e ten como obxectivo a conservación e mellora do patrimonio xenético da Raza Rubia Galega dende a súa fundación en 1969. Nove candidaturas O Premio Aresa ao Desenvolvemento Rural, ao que este ano se presentaron un total de nove candidaturas, está dotado con dez mil euros. Recoñece e incentiva o I+D nos eidos agrícola e gandeiro como elementos fundamentais cara a mellorar a calidade de vida e o benestar das persoas que traballan na zona rural galega, con especial atención ás particularidades da economía luguesa, dando prioridade á sustentabilidade dos recursos naturais e ao respecto á natureza. No certame prémianse traballos de investigación, iniciativas emprendedoras ou traxectorias profesionais. Conferencia ‘Crise Económica, Demografía e Territorio’ No transcurso do acto, o catedrático de Fundamentos da Análise Económica da Universidade de Santiago de Compostela, Alberto Meixide Vecino, pronunciou a conferencia titulada ‘ Crise Económica, Demografía e Territorio’ na que fixo unha pormenorizada análise da conxuntura social e económica no contexto da nosa comunidade autónoma. No seu relatorio, Meixide Vecino, analizou a heteroxénea distribución dos fenómenos da crise, o envellecemento poboacional e o tecido produtivo dentro do territorio galego. Na súa reflexión, destacou a importancia de articular as medidas e estratexias dos próximos anos en torno a estes condicionantes territoriais dende unha perspectiva conxunta. Na súa análise, o catedrático da USC presentou unha análise da crise demográfica e económica por concellos, incluído datos coma os do desemprego ou pirámides poboacionais.