Activa presenza da USC na iniciativa Universidades Europeas
A vicerreitora de Internacionalización e responsable da alianza EUniWell na USC, María José López Couso, viaxou a Madrid estes días acompañada pola adxunta para Internacionalización, Belén Méndez Naya, para participar en varios actos relacionados coa iniciativa European Universities da Comisión Europea.
Na Universidade Autónoma de Madrid tivo lugar a reunión constitutiva da rede de Universidades Españolas en Universidades Europeas (UEUE), coordinada ata o momento pola Universidade de Barcelona (Alianza CHARM-EU), como agrupación estable e interlocutora ante o Ministerio das universidades españolas pertencentes a alianzas europeas. Na reunión discutíronse os asuntos a tratar na próxima reunión co Ministerio, que terá lugar esta mesma semana, así como aspectos da gobernanza do grupo.
Xa na Universidade Politécnica de Madrid as responsables da USC participaron nunha xornada sobre o Título Europeo e o Paquete de Educación Superior, organizada polo Proxecto Piloto EDLab liderado polas alianzas Arqus, ENLIGHT, Eutopia e SEA-EU en colaboración coa alianza EELISA. Este encontro contou coa participación de representantes da Comisión Europea, o goberno de España, a ANECA e outras axencias de calidade, así como do Servicio Español Para la Internacionalización de la Educación (SEPIE), xunto a máis dun cento de responsables das alianzas nas que se inscriben as universidades españolas e outros axentes de internacionalización.
Entre os temas tratados nas diversas conferencias e paneis temáticos destacou a implantación do Título Europeo e do Paquete de Educación Superior, lanzado pola Comisión Europea o pasado 27 de marzo e establecido como unha das prioridades da política educativa da Comisión Europea na actualidade.